Francisco Fernández del Riego: ''Mirando desde atrás, desde a nada, a Transición foi un progreso para Galicia''


Francisco Fernández del Riego fixo nas súas memorias un repaso a varias décadas de traballo político e cultural no deserto do franquismo, con aventuras tan decisivas para a supervivencia da cultura galega como a fundación da editorial Galaxia ou o labor no Partido Galeguista. Así falaba co xornalista Manuel Darriba para El Progreso no 2003


GRAVADOS, fotos e pinturas conforman o Museo Francisco Fernández del Riego en Vigo. Non tiña outros fillos. «Teño sobriños, moitos. Son o maior de once irmáns », lembraba, cando tiña 91 anos e ían saír as súas esperadas memorias.

Vostede escribiu que «lembrar é mellor que soñar».
É unha frase que utilicei con certa frecuencia. A lembranza sempre trae un significado determinado, mentres que os soños son unha cousa difusa que está no mundo
do irreal.

Eran vostedes, os da xeración dos 50, un grupo menos homoxéneo do que se pensa?
Tiñamos unha base de coincidencia e o obxectivo era o mesmo. Nós perseguiamos unha mesma finalidade, pero actuabamos con temperamentos de cada un. Había os reflexivos, os soñadores, os executivos coma min...

Executivo?
Si, eu sempre me signifiquei polas realizacións. Eu non me perdía nos soños. Quería traducilos en realidades.

A xeración de vostede ténselle imputado que foron máis decididos na militancia cultural que na política.
Parte desa xeración empezou na clandestinidade política, e actuou na política. O país estaba desgaleguizado totalmente e consideramos que o camiño da cultura era o axeitado para realizar ese labor de... reintegración.

Os anos 50 foron unha época decisiva para a cultura galega contemporánea?
Foron decisivos, porque hai que partir do feito de que a dictadura establecera unha auténtica persecución do idioma culto. Non podía impedir que os labregos falasen entre eles en galego, pero en cambio o idioma culto era perseguido en tódolos aspectos. Non se permitía utilizalo nos periódicos, nas revistas, nas conferencias... Entón, partiamos non de cero senón de menos. Conseguimos sobrevivir e pór en marcha un movemento que se desenvolveu e que as novas xeracións incorporaron con novos acentos.

Esa época, os 50, foi a máis decisiva da súa biografía?
Foron importantes a época universitaria e a da fundación do Partido Galeguista, pero que creo que foi máis trascendente e significativa a etapa que partiu da fundación deGalaxia, cuns precedentes en plan de sondeo como eran as charlas de galego da BBC ou o suplemento dos sábados de La Noche.

Veñamos máis acó na Historia. A Transición e a autonomía trouxeron realmente a apertura de novos horizontes para Galicia?
Eu empezo por manifestar nas memorias que, así como loitei nos momentos de dificultade, na época republicana e na época franquista, non participei en absoluto na Transición. É dicir, sumeime a ela coma un calquera. Na asistencia á primeira sesión do Parlamento en galego, por exemplo. De todos os xeitos, penso que a Transición supuxo para nós —eu miro desde atrás; parto da nada— un progreso extraordinario.

A estas alturas da vida [ía cumprir 91 anos cando se lle fixo esta entrevista en Vigo, a cidade onde residía] hai algo que o altere a vostede?
Non me altera nada porque a miña experiencia pasou por todos os sitios por onde podía pasar, polos bos e polos malos. Agora, claro, eu vexo que a política partidaria está nun momento de confusionismo raro. Non o acabo de entender. Nós iamos cunha pureza, unha honestidade, unha liña ética... Utilizabamos a política como arma para conseguir unhas finalidades. E hoxe parece que a política serve para outras cousas.

A súa foi unha xeración de románticos, en certo sentido.
Claro, como foron os precursores. Como foi todo o movemento galeguista, desde [Antolín Faraldo] ata a nosa época. Os homes das Irmandades da Fala, de Xeración Nós, do Seminario de Estudios Galegos. Eran románticos, non buscaban compensacións, traballaban simplemente por ideais, cunha pureza e unha autenticidade admirables.

Suscribe vostede o de «mil primaveras máis para a lingua galega»?
Eu son optimista. Sempre o dixen. O problema é o seguinte: non creo nas profecías nin nas estatísticas, que xa se ve que se equivocan sempre. No século XIX houbo unha corrente que dicía reiteradamente que os medios de comunicación e o ferrocarril ían acabar co galego. Pero sobreviviu. Despois veu o franquismo, onde se perseguiu o galego con saña. Pero catro ou cinco tolos empezaron a acender as lapas. Quen podía predicir o século XXI? Quen podía predicir o que ocorrería co latín imperial?

EN DETALLE
''Pedrayo, Cunqueiro e Dieste eran tres conversadores extraordinarios e imaxinativos''

«O país é fermoso, pero que carallo de xente». Tiña razón Laxeiro?
Eu creo moito no pobo galego. Xa empezou por conservar o idioma. Durante catro séculos a Igrexa, a Administración, o ensino... impuxeron un idioma oficial, e os abregos, mariñeiros e artesáns mantiveron a fidelidade ao idioma, sostivérono. Cando uns  poucos poetas menores empezaron a facer no século XIX unha iteratura escrita arrincaron do trollo, da corredoira, de onde a xente falaba. Un idioma de léxico rico e con formas sintácticas que en moitos aspectos se foron erdendo.

Así e todo, o carácter galego tamén ten as súas cousas complicadas.
Bueno, nós temos unha cousa especial que se chama retranca, porque levamos moitos anos e entón defendémonos dalgún xeito. O humorismo do paisano é unha cousa sensacional. E eso que se di que non se sabe se subimos ou baixamos.

Cal é o mellor conversador que coñeceu vostede ao longo da súa vida?
Otero Pedrayo, Rafael Dieste e Cunqueiro. Eran tres conversadores extraordinarios: imaxinativos, con formación cultural.

Mellor eso cá televisión.
Vexo só os telediarios. E cando xogan o Barcelona, o Madrid, o Celta ou o Deportivo. Sempre fun futboleiro, xoguei incluso.

En que posición?
De extremo. Chamábanme O Bicicleta. ¡Porque corría moito!

 

Comentarios