Fracturación hidráulica, un ''queixo gruyère'' que eleva gases á superficie

O fracking, técnica para extraer gas do subsolo metendo agua e produtos químicos a presión ata dous quilómetros, supón unha das grandes polémicas medioambientais do momento. O Congreso vén de rexeitar a súa prohibición en España e a Xunta tamén mostrou a súa intención de experimentar con este método xa extendido nos EE UU.

Pero os expertos advirten de que as consecuencias poden ser nefastas, e máis nun lugar como Galicia na que o radón está moi presente no subsolo. “Aburatar a terra dous quilómetros é unha salvaxada; convértese nun queixo gruyère e xa non é que saia o radón á superficie, senón que aparece nas augas, nos lodos... O gas ascenderá igual que cun terremoto e penetrará polo subsolo fracturado nas casas. Outros elementos radioactivos que hai nas rochas, como o potasio ou o torio, tamén sairán, ao igual que os que non o son, como o cadmio ou o arsénico”, explica Juan Miguel Barros. Di tamén que os defensores do fracking argúen que o radón ten unha vida de menos de catro días, pero claro, afirma, “vaise estar fracturando permanentemente”.

O risco é evidente, pero o marco teórico aínda non está definido. No estado de Nova York existe unha moratoria desde 2010 para a implantación do fracking. “Nos documentos da EPA calcúlase que nos lodos ou residuos sólidos pode haber ata máis de 100.000 picocurios por gramo, é dicir, 37 millóns de bequerelios, e nas augas residuais ata máis de 9.000 pCi por litro (33.600 Bq/m3)”, asevera, antes de lembrar que nin físicos nin xeólogos aconsellan o seu uso, que deberá rexerse pola normativa de industrias que xeran materiais que aumentan a concentración en radioisótopos naturais.

En España, só Cantabria prohibiu o fracking, mentres que Holanda vén de asumir o risco de sismos a cambio de obter así gas natural. E é estas prácticas poden provocar terremotos de ata cinco graos. Nin as queixas dos habitantes de Groningen, onde sufriron un millar de sismos desde 1986, lograron detelas.


EN CIFRAS...
? 230
EUROS MÁIS IVE CUSTA A MEDICIÓN DE RADÓN EN CONTINUO, UNS CINCO DÍAS

? 80
EUROS MÁIS IVE CUSTA A MEDICIÓN INTEGRADA, CON DETECTORES MÁIS SINXELOS DURANTE 3 OU 4 MESES

Comentarios