Fracasamos entre panes

Empanada deconstruída de luras e salsa negra do compostelán Eloy Cancela (Foto: EP)
photo_camera Empanada deconstruída de luras e salsa negra do compostelán Eloy Cancela (Foto: EP)

Aquela mañanciña de fin de ano semellaba que todos os vendedores ribadenses de neveiras esqueceran abertas as portas delas e dos conxeladores. Ía frío de máis, mesmo nesa vila que fachendea das mellores medias de Galicia. Medias, de temperatura.

Aínda co sangue socorrendo aos dedos nunha enxurrada violenta de calor, non me resistín a determe á porta do forno para liberar do estorbo en papel o pastelón de zorza e darlle unha trabada quente e emotiva.

Eu non son Proust, ‘malgré moi’. En vez de regresar ao pasado con aquel equilibrio papilogustativo que enchía de pracer o ceo da boca, déuseme por pensar no futuro frustrado. Pregunteime, outra volta máis,pola nosa soberanía alimentaria. A miña decepción non se guiaba por esa interesante teoría de que hai que cultivar e defender o produto propio, que pode tirar pratos ben suxestivos.

O meu interese inclinábase cara a reflexionar que, se ben tivemos a intelixencia colectiva como pobo para conservar a empanada a xeito recurso para solventar un menú improvisado e dotarnos dunha receita saborosa que trasladar con contados requerimentos de envases e conservación, non a demos exportado. Non lle atopo á pizza ou a hamburguesa máis vantaxes que a unha mesa de pan rechea, dado que pode ser tan doada de elaborar e tan versátil de materiais coma elas. Mesmo o noso prato exime de comelo en quente sen perder propiedades de sabor, algo no que amosa superioridade.

Malia todo, os italianos souberon mundializar a súa receita, tantas veces mediatizadas polos arxentinos grazas ao prestixio da súa carne. Os norteamericanos expandiron as ‘fikadelle’ de Hamburgo que lles trouxeran os inmigrantes alemáns. Curiosamente son os xermanos os que nos poñen agora sucursais de comida turca por todo o planeta, onde inclúo a provincia de Lugo, pola que, felizmente, proliferan esas amorosas tortas de carne de cordeiro con salsas de iogur.

Os chineses foron bastante máis espilidos cós da media lúa e manteñen afastados da súa carta de pratos a todos os que carezan de ollos riscados. Moito se critica esa comida pola que pagamos notablemente menos do que esiximos, pero os usuarios dos seus restaurantes ben se coidan de que lles atendan señores con dificultade para pronunciar os ‘r’ e que lles regalarán un calendario occidental cando abandonen ese local coa fonte dos peixes vermellos e a Gran Muralla mirada dende todas as ópticas posibles.

O Goberno de Israel, impotente para conter a asistencia dos seus cidadáns a locais de xantares orientais, empezaron a formar aos seus reservistas para que cociñen imitándoos e evitarse así a entrega de máis permisos de traballo a chineses. Deberiamos prantexarnos se deberíamos organizar cursiños de empanada nos centros galegos no exterior para expiar o noso fracaso como país.

Comentarios