Fotografía do morbo

A NOTICIA DO asasinato cometido hai unha semana preto de Santiago sementou o estupor na poboación e o amarelismo nos titulares informativos. Por insólita na súa crueldade e tamén na rutina das cidades galegas, a nova suscitou unha fame voraz de datos que axudasen a comprender un puzzle macabro cuxas pezas tan mal casaban. Conforme foron transcendendo detalles dunha das investigacións -que non dos sucesos- máis mediáticos dos últimos tempos, a sorpresa medrou, alimentada pola reiteración de imaxes e testemuños sensacionalistas que, como adoita acontecer, exhibían case sempre un mal gusto demasiado familiar. O relato construído sobre algunhas probas e demasiada rumoroloxía axiña foi adornado con oportunas notas económicas, médicas e sentimentais, por unha banda, e con non poucos (pre)xuízos, por outra. As dimensións da historia, con todas as súas ramificacións, semella superar en ocasións as dimensións do drama.

A ninguén se lle escapan os intereses que hai detrás dun tratamento informativo como o que está a recibir o asasinato de Asunta, nin tampouco en que medida o morbo está a invadir unha sociedade a cada paso máis enferma. Só iso explica episodios como o que presenciei por casualidade en Compostela a mañá na que Rosario Porto foi trasladada á súa vivenda para o rexistro policial. Sen coñecer tal feito, agardaba para ser atendida nun establecemento de telefonía que se atopa preto do domicilio da acusada. Diante de min, unha muller queixábase nerviosa que o seu teléfono móbil non lle permitía facer máis fotografías. Logo de informala de que a tarxeta de memoria estaba chea, a persoa encargada da tenda preguntáballe se quería borrar algunha imaxe ou copiala noutro dispositivo. A muller respondeulle ás présas dicindo que as últimas eran fotos de ‘la perra’ e que tiña que volver correndo para ‘allí’. Tan só o comentario doutra das persoas presentes no lugar desfixo o meu equívoco de pensar que a clienta esgotara os seus xigas fotografando a cadela e que por algunha razón tiña que volver urxentemente para seguir con algunha tarefa. Con estupefacción caín na conta de que a quen se refería era á acusada que acababa de chegar para o rexistro policial, e que a tarefa non era outra que facer garda na rúa para presenciar a saída e volver increpala. A concentración de xente que permanecía a pé quieto na rúa, á beira de cámaras e forzas de seguridade, confirmoumo. Non podo deixar de preguntarme a que espectáculo quererían asistir coa súa presenza, en calidade de testemuñas, paparazzi e xuíces, e, sobre todo, que imaxe quererían captar ao retrataren cos seus teléfonos móbiles os pais entrando na vivenda esposados, no medio de todo o rebumbio, como non fose unha perfecta fotografía do morbo.

Comentarios