Fóra estrés: sexan benvidos a Ribeira de Piquín

Este concello marcado polo paso do río Eo ten moito que ofrecer: paisaxes inolvidables, rico patrimonio, boa gastronomía, posibilidades deportivas e, sobre todo, desconexión
Concurso de pesca no río na Retorta
photo_camera Concurso de pesca no río na Retorta

Coma que non é consciente da súa beleza, o tempo pasa pola Ribeira sen que esta se inmute. Este concello, con paisaxes de profundos vales e altas montañas e rodeado polos municipios de Meira, A Fonsagrada, Baleira, A Pontenova e Riotorto, é un dos máis descoñecidos da provincia pero está cheo de sorpresas agradables para os visitantes.

Quen vaia a estas terras, principalmente bañadas polo Eo e o Rodil -"O Rodil leva a auga e o Eo a fama", di o refrán popular- saberá que son o lugar perfecto para desconectar do estrés urbano. A natureza é a gran protagonista deste pequeno concello onde os seus habitantes, xentes traballadoras e hospitalarias, non chegan hoxe aos 600. A actividade principal é a gandeira e de aí os campos verdes, as terras de labradío e o diverso gando, sobre todo vacún de leite, aínda que a maior parte da superficie é forestal, uns montes nos que se conservan tesouros como soutos centenarios.

Unha das mellores maneiras de coñecer o municipio -integrado na Rede Natura 2000 e na Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón- é a través das dúas rutas de sendeirismo sinalizadas, a que vai dende a área recreativa da capitalidade, Chao de Pousadoiro, ata o Muíño de García, nos Cangos, que abrangue a metade sur do concello; e a ruta Eo-Pena de Millares, que sae do mesmo sitio e discorre pola parte máis norte.

A primeira permite ver no seu tramo inicial Pousadoiro, Soutelo e Esqueira. A medio camiño ten un lugar de gran beleza, a pasarela do colado de Lamas, que atravesa o río e á que os veciños chaman da Pena Dalondre pola gran pedra que hai no lugar.

A ruta chega á ponte de Montefurado e segue ata Santa Comba, onde se xuntan os ríos Eo e Rodil, que forman unha ínsua entre ese lugar e Os Cangos. Heiquí un dos puntos máis interesantes do municipio, pendente de poñer en valor como merece. A ínsua ten dous túneis para levar a auga do Rodil ao Eo e un deles está recoñecido como parte dun xacemento da época dos romanos, que o empregaban para recoller o ouro do río. O outro túnel usábase para facer chegar a auga ao antigo ‘muín’ de García, construido en 1892 e que foi reformado para subministrar electricidade a varios núcleos.

En canto á ruta Eo-Pena de Millares, sae do Chao e deixa ver primeiro a aceña de Barcia. Unha parada obrigada é a igrexa de San Xurxo, de arcos románicos e altar neoclásico, e máis adiante está a área recreativa da Retorta, unha fermosa paraxe a carón do río ideal para comidas ao aire libre e que incluso ten un refuxio con cheminea. A aceña do Fidalgo e os montes de Acevedo e Mestre están no camiño, agora ascendente, antes de chegar ao impresionante miradoiro da Pena de Millares, dende a que se ve o val do Eo e as serras de Pena Armada e Meira. No descenso a ruta pasa pola aldea de Sadrarín e regresa ao inicio.

PATRIMONIO. Estas dúas rutas pasan por boa parte do municipio pero non o completan e hai outros lugares de obrigada visita, como a zona dos Vaos, nun val agreste de paisaxe difícil de olvidar. A igrexa, construida sobre un castro e que pertenceu á orde de San Xoán de Malta, ten a particularidade de que no seu pórtico hai cinco caveiras humanas incrustadas cuxa orixe é unha incógnita.

Outras igrexas parroquiais son a xa citada de San Xurxo, a de Santalla, a de Navallos e a de Santiago de Acevo. Ademais hai un bo número de capelas entre as que destaca a de Boel, que aínda que é privada pódese ver facilmente ao estar a carón da estrada. Esta ermida, en honor a San Xosé, ten oito lados, unha característica que a fai case única. Contan dela que puido funcionar como cárcere na guerra da independencia.

Son moitos os vestixios arqueolóxicos que hai, como as medorras de Ouviaña, os castros de Teixeira, Pico do Castro, Cabaceira e Piquín, e moitos outros que aínda son un enigma, como a abertura dunha galería na terra entre Penacova e A Vara, con chan pisado de lousa, á que cando lle tiraban unha pedra sentíase caer ata que se esvaecía no máis fondo.

VISTAS. Os hórreos, de tipoloxía asturiana, son elementos moi presentes en todas e cada unha das aldeas, nas que tamén abundan as fontes, algunhas delas rehabilitadas, como a de Piquín, que ofrece unha auga fresquísima. Outros elementos singulares son os cercos de pedra arredor das colmeas -supostamente para impedir o acceso dos osos- que hai en lugares como Invernego, a Invernalia ribeirega, unha aldea situada nunha das zonas máis altas, que a este nivel pouco lle ten que envexar a Vilares, Ouviaña ou O Couso, situadas entre os 700 e os 800 metros e que ofrecen grandes vistas. Outro lugar de panorámica excepcional é o alto de Barangón, dende onde se pode ver prácticamente todo o municipio. Un punto, por certo, dos elexidos por algunhas persoas para facer parapente.

As camiñatas e o ciclismo son outros deportes que ben se practican na Ribeira, con permiso da caza e da pesca. O Eo foi sempre río de troitas e este é un dos produtos emblema do concello, ao igual que as saborosísimas cereixas.

No Chao está o busto en homenaxe ao mestre gaiteiro Seivane, que iniciou a xesta no seu taller de Pousadoiro. Outros personaxes ilustres que deu esta terra foron o escritor e lingüista Aníbal Otero, natural de Barcia, e o reloxeiro e inventor do século XVIII Juan Antonio Fernández Lombardero, que naceu en Vilarpescozo e que fixo máis de 200 reloxios, entre eles algúns para as catedrais de Lugo ou Mondoñedo e tamén para a igrexa dos Vaos, onde é de sol.

ONDE ALOXARSE. Os visitantes teñen distintas opcións de aloxamento nas que se sentirán como na casa. O establecemento máis senlleiro é Restaurante Casa Horacio, en Chao de Pousadoiro, que leva medio século ofrecendo comida tradicional -a especialidade son as troitas e o cordeiro- e que ademais dispón de habitacións.

Pretiño da capitalidade está o Hotel Mirador en Barcia, un establecemento con encanto que se creou ao reformar a casa do escritor Otero. Conta con resturante, spa e ofrece rutas en buggy e de sendeirismo, ademais de organizar animadas veladas musicais.

Tamén enfocados cara ao turismo rural están os apartamentos Luna de Vilar, en Vilarpescozo, que ofrecen estancias moi acolledoras, con cheminea e ducha de hidromasaxe, e que organizan actividades como rutas a cabalo, en quad e a pé, e visitas a lugares interesantes da contorna, como á casa de Lombardero.

Perfectos para o descanso son os apartamentos de Casa de Ares, situados en San Fiz, aldea ubicada nas faldas da Serra de Meira na que están garantidas a tranquilidade e unhas vistas de impresión.

Asemade hai varios bares nos que tomar algo ou botar unha partida, como son Santa Comba, no Chao, ou Julia, en Piquín.

Comentarios