A Fonsagrada recoñece os 25 anos que o seu xulgado leva traballando a prol do galego

Os invitados insistiron na necesidade de que as administracións usen a lingua do pobo
Participantes no acto, diante da porta do xulgado da Fonsagrada
photo_camera Participantes no acto, diante da porta do xulgado da Fonsagrada

Os traballadores e funcionarios do xulgado da Fonsagrada levan un cuarto de século usando o galego na súa actividade diaria. Un esforzo que este sábado foi recoñecido tanto polo Concello como pola Irmandade Xurídica Galega. Na homenaxe participaron todos os xuíces que prestaron servizo en galego neste xulgado, ademais dun grupo de veciños. Tamén se descubriu unha placa conmemorativa coa inscrición ‘O xulgado da Fonsagrada, 25 anos traballando no idioma da súa xente’.

Na quenda de intervencións participaron os catro xuíces que traballaron en galego neste xulgado: Xoán Montes, Alberto Benéitez, Luís Villares e Eladio Prieto.

O primeiro deles destacou a utilización do galego como consecuencia natural «de unificar a lingua do pobo ao traballo do xulgado». O maxistrado de orixe vasca Alberto Benéitez explicou que a utilización do galego xurdiu nel de forma «natural» e que o normal é que as administracións se dirixan ao pobo naquel idioma en que resulte máis cómodo entenderse.

Luís Vilares invitou á cidadanía a que "esixa ou seu dereito a acceder a unha administración en galego", mentres que o actual maxistrado da Fonsagrada, Eladio Prieto, se remontou á Idade Media para explicar como naquel tempo xa se utilizaba o galego para administrar xustiza. Moi emotiva foi a intervención de Xosé Antón Gómez Segade, catedrático que deu clase a tres dos catro maxistrados que este sábado foron protagonistas e aos que se referiu como "abellas que son capaces de sacar mel das frores máis amargas".

O son da tromba, tocada por Daniel do Pando, e a lectura duns poemas a cargo de María José Fernández serviron para abrir e pechar un acto no que tamén interviñeron o alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Comentarios