Follas de té flotan no río

CANDO EMPECEI a sentir falar do Tea Party de Sarah Palin, un ano atrás, imaxinaba á súa lideresa adecentada a xeito de Audrey Hepburn en 'My fair lady', con eses vestidos de saia longa ata a biqueira do zapato e de pescozo abotoado, combinados con sombreiros hiperbólicos. Esas roupas conferían ás usuarias un aire de centauros, metade mulleres metade saias.

Supoño que o meu imaxinario relacionaba esa película sobre señores e donas que botaban o día lacazaneando no hipódromo con algo que lera en algures sobre a orixe do Partido do Té durante o Motín do Té, en Boston.

Unha das escaramuzas máis audaces daquela batalla entre norteamericanos e británicos foi o asalto a un barco inglés cargado de follas de té por parte dun cento de revolucionarios disfrazados de indios tomahawk. Entraron nas bodegas, subiron as caixas a cuberta e foron baleirándoas no río, que botou semanas cuberto por 45 toneladas de follas.

En agosto mirei a Sarah Palin no lugar no que Abraham Lincoln deu un sonado discurso contra a escravitude, onde despois Martin Luther King pediu igualdade, e comprobei que vestía traxe de chaqueta e peiteaba moño. Pouco imitaba á Hepburn, pero chamou pola miña curiosidade e, lendo sobre ela, descubrín que era devota do 'brunch', unha comida de media mañá que se prepara excesivamente tarde para almorzar e lixeiramente cedo para xantar.

Moitos norteamericanos aproveitan esas plataformas de despegue de portavións que teñen por cociñas para convidar a familia e amigos a media mañá nas fins de semana e nos días festivos para gozar dunha comida lixeira, o 'brunch'. A denominación colle as letras 'br' de 'breakfast' e as catro co que remata 'lunch'.

O 'brunch' ten a súa base nunha carta de almorzo (pan, ovos revoltos, froitas, touciño entrefebrado, iogures, leite, bolería,...) con outros de horas máis axeitadas á media mañá (canapés, embutidos, salchichas, salmón afumado, queixos, ensaladas, bonito,...).

O neoiorquinos, nisto tamén, reivindícanse como os mantedores do 'brunch' máis sofisticado, integrados por 'ovos á benedictine' (escalfados e pousados nunha tosta de pan na que poñen unha base de liscos e cubren cunha capa leve de bechamel). Para acompañalo, recomendan un 'bloody mary' consistente, que non debe de haber nada máis revitalizador para sobrevivir a unha prea en Manhattan.

Avecíñanse tempos de gloria para os congresos e xornadas varias porque os 'brunch' están desprazando aos odiososos 'coffee breaks', nos que reinan dende hai décadas coas súas pastas resesas con guinda confitada e os cafés augados.

Sempre sospeitei deses cafés, que son os mesmos que che dan, sen alternativa, en moitos hoteis. Dende que me informei do Motín de Boston, estiven certo de que as empresas que serven o 'coffee break' comparten a auga dun río no que uns revolucionarios botaron 45 toneladas de grans de café.

Comentarios