La Foliada do Oito reúne en Begonte a docenas de aficionados a la música gallega

Castiñeiro Milenario, Branca Villares e Xabier Iglesias promoveron a xuntanza, que contou con talleres e actuacións
Actuación de Foliadeir@s do Castro
photo_camera Actuación de Foliadeir@s do Castro

Cando se trata de pasalo ben, calquera desculpa é boa, aínda que esta sexa un número. Ao redor do oito xerouse todo un movemento itinerante de posta en valor da música e do baile tradicional, na súa vertente máis lúdica, que esta fin de semana converteu o restaurante San Martín de Carral na parada obrigada de ducias de persoas que quixeron facer seu o número e aprender de primeira man o que é unha Foliada do Oito.

Os anfitrións, a asociación cultural begontina Castiñeiro Milenario, xunto cos promotores desta iniciativa, Branca Villares e Xabier Iglesias, deseñaron un programa amplo e variado para a cita, que incluíu xogos populares e teatro de marionetas, a cargo de Polka e Trécola, respectivamente, e un obradoiro de palletas, impartido por Sito Carracedo, aos que dende a organización lles agradeceron a súa colaboración desinteresada, igual que aos grupos que amenizaron a velada: Foliadeir@s do Castro, Tirapadiante -dous colectivos vencellados á escola de música Rábade-Begonte-, Cantereiras de Pol e a asociación cultural Penas de Rodas, e por suposto tamén ao local que acolleu a velada.

«O balance só pode ser positivo. Había moita xente e dá gusto ver os nenos entretidos cos monicreques e cos xogos populares no canto de co móbil», apuntaron desde Castiñeiro Milenario sobre unha festa que se prolongou ata a madrugada e na que ninguén parecía ter présa por marchar.

«Este tipo de iniciativas son estupendas, facía falta que houbese máis», comentaban xusto antes da súa actuación un mermado grupo de Penas de Rodas, xa que boa parte dos compoñentes desta agrupación que leva 35 anos activa non puideron asistir. Aínda así, quixeron colaborar coa causa e impulsar proxectos coma este, que «dinamizan a zona rural, onde é máis difícil» poñer en marcha iniciativas. Aínda así, eles ségueno intentando, e andan a traballar para pór en marcha un grupo de baile.

«Creo que aquí en Lugo hai unha carencia deste tipo de encontros e esta tarefa é moi interesante para pór en valor e reivindicar a música de Lugo, que tamén existe», engadía Noemí Basanta, mestra das seis Cantereiras de Pol, formación que amosou un pouco do labor que levan facendo nestes dous últimos anos, deseñando un repertorio con representación de toda a xeografía galega, acompañando a voz con pandeireta e con pandeiro, «un instrumento pouco empregado na música tradicional», ademais de tentar incluír tamén a pandeira.

Aos convidados de Outeiro de Rei e de Pol uníronse os que xogaban na casa, os Foliadeir@s do Castro, que debutaron hai pouco nos cantos de taberna de Monterroso, e Tirapadiante. Ambos grupos, que mesmo comparten membros, abriron a festa e foron intercalando actuacións.

Comentarios