miércoles. 11.12.2019 |
El tiempo
miércoles. 11.12.2019
El tiempo

Folerpas

Di Manolo Rivas, no seu poema Oes chegar Ángel González? de A desaparición da neve que a primeira palabra chegará ás praias o 11 de maio coas súas pisadas de nube con zancas. Di O´Rivas que a segunda palabra recibirémola dende o interior e que ''a aldraba no limiar soará como o corazón dun xinete cinguido aos ósos cunha nobreza de briosa melancolía''.

Ah, advirte o de Monte Alto, ''Ti, agora, deberías dicir a seguinte palabra. Tela na punta da lingua. Só co seu alento prenderá un fósforo e a lonxitude da flama será a da túa vibración''. Con todos os faros da ribeira atlántica coma guía, as nosas palabras deberan construír ronseis na néboa do silencio.

Palabras encadeadas, coma no xogo infantil que mata as horas nas plataformas ateigadas na agarda dun tren que non chega. Palabras enleadas as unhas ás outras para empedrar camiños polos que nunca transitamos. Palabras que tezan roteiros cos que chegar a outras praias sempre ausentes.

Aí onde aniña o esquezo e a mudez de quen se avergonza, a impotencia de quen non logra vencer a barreira da incomunicación. Aí, as palabras, a presas, fíos invisibles que calcetan coas agullas da gramática que nos foi aprendida para debuxar un sorriso que nos fale da elegancia barriguda dos pampos que sobrevoan torpes nos cotellóns de maio.

Folerpas
Comentarios