miércoles. 23.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 23.10.2019
El tiempo

Foise co vento

Corenta horas ás escuras. Esa é a consecuencia que para milleiros de galegos tivo o temporal. E, á luz do candil sen Gayoso na televisión, o mundo parecía negro como a boca do lobo.

Como contraste, a produción de enerxía procedente do sector eólico acadou o seu pico máis alto estes días. O vento que trouxo as desgrazas tróuxonos tamén a enerxía que fai que a nosa vida sexa máis cómoda.

Sermos proas no sector eólico e eléctrico en Europa non nos exime, evidentemente, das consecuencias dos vendavais pero si cómpre garantir un subministro prioritario para os cidadáns que día a día sufrimos as paisaxes de muíños e presas nos ríos.

O vento levou consigo a luz pero non debe borrar as explicacións. E agora que as caravanas electorais circulan a toda velocidade, non é mal momento para esixir unha maior implicación no país daquelas empresas que sacan proveito das nosas riquezas naturais. E non tan naturais, como é o caso das autoestradas.

A cidadanía merece un claro compromiso nas desgrazas porque, cando as cousas van ben, as corporacións que explotan os nosos recursos ben que sacan lucro do país. E, daquela, cando obteñen dividendos millonarios, non protestan pola saturación de chamadas telefónicas que, tras corenta horas ás escuras, reclaman un bo subministro eléctrico.

Foise co vento
Comentarios