Fogo amigo

O AFFAIRE DAS fotos do señor Feijoo, cun narcotraficante que na actualidade cumpre condea, subscitou numerosas reaccións de tipo político e, previsblemente, van continuar. O feito é grave, se utilizamos a vara de medir este tipo de asuntos que el propio empregou a respeito de outros, no sentido de que un gobernante non pode retratarse con calquera. É certo que resulta imposible responder por todas as persoas que un coñece. Xa o di o Xénese ao falar dos irmáns Cain e Abel: «Acaso son eu guarda do meu irmán?». Ben é certo que a resposta que o primeiro lle da ao Señor, era unha simple disculpa. O que nos leva a outra serie de reaccións perante o acontecimento: a enxurrada de citas, particularmente de coñecidas películas, como son ‘Un dos nosos’ (Goodfellas), ‘As amizades perigosas’ (Dangerous liaisons), ‘Cotton Club’, ‘Morte entre as frores’ (Miller’s crossing) e outras varias, xa que a panoplia é moi ampla. Con todo, ocórresenos que quizais unha das mais acaidas, non ten unha orixe filmica, senón histórica, e procede dun dos ancestros politicos do actual Presidente, posto que se lle atribúe ao enxeñoso don Pio Cabanillas, que retratou con ela moi atinadamente a frouma de liortas e tirapuxas que embebian a extinta UCD. ‘Cuerpo a tierra que vienen los nuestros!’

Na terminoloxia militar, existe un importanmte concepto que explica, ainda que non xustifique, as baixas, coñecido como ‘fogo amigo’. Contabilizase a perda e identificase a orixe, que son as propias fileiras, pero omítense os responsables concretos. Todo o mundo sabe que agora mesmo o fárrago contable do partido do goberno -falando polo atallo-, procede dun dos seus mais estreitos e destacados afiliados, tan merecente de confianza que puxeron nas suas mans os cartos. Fagámoslles a graza de indicar que a ninguén se lle ocorre poñer o raposo a gardar as galiñas, pero até neste asunto non se obrou con dilixencia, posto que se insistiu en que xa non era do bando propio, ou aimplezas polo estilo, e o caso é que non se pode cambiar tan axiña de bando, e trocar amigos por nemigos, a non ser na ficción orweliana que relata a inquedante ‘1984’.

Soe afirmarse que a natureza imita a arte, quizais baseándose no ocorrente dialogo da obra de Oscar Wilde ‘A importancia de chamarse Ernesto’, entre Cyril e Vivian. Pero se reparamos en moitos dos acontecimentos recentes, poñamos por caso o roubo do Códice Calixtino e as suas consecuencias, ou o asunto Bárcenas, ou mesmo o do xenro da Sua Maxestade, temos a certeza de que no caso de seren previamente unha novela da serie negra, un thriller ou un vodevil, atribuiriamos aos seus creadores unha alta dose de enxeño e creatividade. En todos estes casos agóchase un verdadero filón, e asi o aprezou nada menos que un maxistrado, que interveu no do Códice, e teceu unha novela, ainda que contou coa axuda suplementaria de terse xa iniciado o suceso e da sua privililexiada posición, o que lle resta orixinalidade. Para non cair no que poderia ser calificado como oportunismo ou plaxio, compoñer o relato ou o argumento sobre as fotografias preisdenciais, precisaria da imediatez fose o probable autor, ou non, unha figura da xudicatura. Xa veremos.

Comentarios