FIV 2012: Vilalba volve apostalo todo ao fucsia

'Fivers' de 2011 (Foto: Javier Rosa)
photo_camera 'Fivers' de 2011 (Foto: Javier Rosa)

A dos ‘fivers’ é unha grei cada vez máis consolidada no panorama festivaleiro galego e éo por dereito propio, xa que o Festival Independente de Vilalba (FIV) conseguiu unha posición de mérito en Galicia grazas a dous acertos: a data e a anticipación. Coa primavera recén estreada, pasarán pola carpa fucsia de Vilalba bandas como Corizonas, Sidonie, Delafé y las Flores Azules, El Columpio Asesino ou Fuel Fandango.

Con isto da crise, o de introducir un toque de cor na monocroma paleta indie estase a converter en tendencia. O vellote Bob Dylan vén de ser confirmado para Benicássim -ese FIV para guiris con sandalias e calcetíns brancos da costa mediterránea-, mentres que o Primavera Sound barcelonés incorpora nomes metaleros.

Alguén en Vilalba uliscou o que se viña e desenfundou rápido para facerse con Corizonas, esa banda que non se parece a ningunha outra e que gusta a todos. Aos modernos que agora se pasan ao clásico con iso de que o máis guai en Londres é ser da tribo dos new traditionals e levar un bonito mostacho. Aos que pescudan nas idades do rocanrol, dos noventa e cara atrás. Aos amantes do folk norteamericano, do bluegrass e dos lazos de cuáquero. Aos friquis adoradores da serie B (e da X, Y e Z). Aos que gozan con Sergio Leone e o western serodio e remedan todas as poses de duro de Clint Eastwood vestido de cowboy.

O de Corizonas, unión temporal de empresas que naceu pola asociación ilícita de dúas bandas de malfeitores: os eléctricos surfeiros instrumentais Los Coronas e os acústicos folkies Arizona Baby, é un éxito paradigmático no actual momento de estupor e tremores da industria discográfica.

A forza de directos e desde a independencia, coa amplificación do boca a orella, esta superbanda de oito integrantes constrúe un espectáculo que constitúe o baile de presentación do disco en común, ‘The news today’, e que serve tamén para recrearse das versións insólitas que teñen pulido os Corizonas antes da fusión nas xiras conxuntas.

Será esta noite ás 23.35 horas, pero antes e despois haberá moita festa. Sobre todo, despois, porque este FIV 2012 será o primeiro de dúas xornadas de duración: festa o venres e festa o domingo, e todo polo módico prezo de dez euros -para quen adquiriu o abono anticipado- ou de quince -para quen compre en taquilla-. Os boletos dan acceso a todos os concertos e ás zonas de acampada gratuita.

A programación musical comeza esta noite ás 21.30 horas. Tocaralles o difícil reto de romper o xeo -é un dicir, que Meteogalicia prevé que o anticiclón aguante toda a fin de semana- a Grises, pop alternativo desde Guipúzcoa con temas tan suxerentes como ‘Aspiradora espacial’ ou ‘El hombre bolígrafo’.

Será logo a quenda de Catpeople, combo vigués que presenta disco, ‘Love battle’, un traballo que antes de ser distribuido comercialmente tirou 50.000 exemplares gratuítos que se repartiron con Mondo Sonoro, o que dá unha idea do terreo alternativo polo que se moven.

Os vigueses cederanlle o espazo escénico a Corizonas e os melenudos e patilludos deixarán logo sitio a Delafé y Las Flores Azules, actitude pop luminosa e parafraseado hip hop e nases elegantes para unha proposta musical das que adoita deixar un sorriso.

Para pechar -só por hoxe, ollo- David van Bylen, voz da banda dance rock Stereotypo e con remixes no seu repertorio de Pixies, Supersubmarina, Love of Lesbian...

Todo moi FIV.

Obxectivo: medrar só o xustiño

Desde a organización son conscientes de que sería un erro que o Festival Independente de Vilalba se lles escape das mans, e defenden unha cita musical coas dimensións axeitadas para que manteña o seu carácter familiar e cómodo. Aínda así, xa non quedan habitacións nos hoteis da capital chairega e o FIV xa superou ao San Ramón como o evento máis rendible para os hostaleiros da vila.

Dúas áreas de acampada con duchas e calefacción. De todos os xeitos, nesta edición de dobre xornada tamén se decidiu por ampliar a área de acampada gratuíta, que estará instalada no pavillón municipal e nunha carpa contigua. Os ‘fivers’ teñen clase e agradecen que tanto o pavillón como a carpa conten con calefacción, vestiarios e duchas, que a esencia festivaleira non ten por que darlle as costas a hixiene persoal e a ir feitos un brazo de mar. O das fotos de Kate Moss coas botas de goma na lama está moi ben para Glastonbury -no verán-, pero non é o ‘outfit’ máis cómodo nin máis acaído para bailar toda a noite ou para botarlle o lazo aos gafapastas patrios.

Que a rede non falte. Os ‘fivers’ -se é que lles queda tempo- poderán tamén ter ao día blogs e perfís en redes sociais e estar atentos a WhatApp e demais ‘apps’ dos seus Smartphones. Instalarase tamén un mercadiño e non faltará a mercadotecnia fucsia como recordo do evento.

Para todo o demais: http://fivdevilalba.com

SIDONIE PARA O PRIMEIRO FIV DE DOUS DÍAS

O primeiro FIV con dous días de duración deixa para a xornada de mañá, sábado, algúns dos grandes reclamos do cartel, como Sidonie, un deses grupos da escena alternativa que pouco a pouco foi acadando un oco entre o indie e o masivo, quizais dun xeito tan natural como naceu a banda en 1997.

Sempre nos quedará... Brigitte Bardot

Contan os biógrafos de Sidonie que Axel Pi e Marc Ros estaban de vacacións no Reino Unido cando, nunha tenda de discos de Leeds, deron con Jesús Senra. Buscaban un disco de Brigitte Bardot. Cando Pi e Ros volveron atopar a Senra, de casualidade, en Barcelona, nace o grupo que toma nome dunha canción... de Brigitte Bardot. Desde o 97 ata agora Sidonie pasou de cantar en inglés a facelo en castelán e son unha das constantes dos festivais indie.

Os ‘fivers’ recibirán a banda catalana mañá ás 23.40 horas, xusto despois de Miss Cafeína e El Columpio Asesino e despois de Fuel Fandango e Eme DJ.

Bandas emerxentes e novos veteranos

Miss Caffeina, ás 21.30 horas, será o primeiro grupo de mañá. Cun nome con ecos dos recidos Buenas Noches Roses, os madrileños precederán a El Columpio Asesino, con tirón entre os ‘fivers’. E non é unha afirmación gratuíta, xa que a votación popular puxo a El Columpio Asesino no posto segundo como máis ansiado polos seguidores do festival. E o primeiro? Pois Sidonie, que tocará despois de El Columpio Asesino e antes de Fuel Fandango, un dúo que é xa a sensación da temporada grazas ao carisma de Nita -coplera con querencia funk e electrónica- e á pericia do ex Mojo Project Ale Acosta.

Eme DJ pecha a festa

Foi unha das sorpresas do ano pasado e Eme DJ volve a Vilalba para bailar a fin de festa.

Comentarios