Fin da cultura autonómica

A música pop fai moito apostolado con que todo ten un final ► Mirando arredor comprobaremos que si que todo ten un fin ► En Galicia hai síntomas suficientes para proclamar a fin da cultura autonómica, esa que nos viña acompañando entre solpores desde 1984

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

A SUMA dos últimos anos tende a cero. É unha esaxeración moderada porque cultura sempre hai, cultura sempre queda. Pero ese sistema que institucionalmente absorbeu a cultura galega nos últimos trinta anos está finiquitado. Non porque o discurso que emite sexa ritual, rancio ou ornamental ou porque o mundo cambiou a máis velocidade do esperado ou porque ese tipo de cultura galega tivese unha especial querenza polo analóxico. A cultura autonómica está no seu punto final porque as súas principais institucións quedaron desarmadas e porque o mesmo argumento que a puxo en marcha deixou de ser útil a estas alturas do partido. 

Houbo tres institucións fillas directas da autonomía que asumiron un protagonismo que, correspondese ou non, marcaban un tempo distinto. O Centro Dramático Galego, O Centro Galego das Artes da Imaxe e o Centro Galego de Arte Contemporánea. Os tres eran centro —quizais era unha mensaxe subliminal—, e os tres tiñan un apelido territorial que, no fondo, neutralizaba o uso de adxectivos que compuxeran nomes como Centro Dramático Nacional, Museo Nacional de Arte Contemporánea ou todas as variantes previsibles. Aínda que Manuel Guede, director que foi durante moitos anos do CDG, falaba sen inhibición de que o Centro podía asumir a responsabilidade dun teatro nacional, o certo é que a biografía da institución non dá para esa historia. Tanto o CDG como o CGAC naceron para "poñer Galicia nos mapas culturais" ou para "ser unha demostración da capacidade cultural galega", naceron "para explicarnos", "para vendernos", "para exhibir as conexións da cultura galega coa universal". Foron explicados así e se eran eses os seus cometidos o fracaso está moi por riba do desastre do Prestige. Pero se eles cumpriron co seu cometido pero Galicia non deu entón este país precisa unha versión moito mellor. 

Aqueles que ían para centros da política dun país —mascarón de proa, institucións referenciais, alicerces culturais— están hoxe nunha periferia cultural dentro de Galicia. A estratexia xeral é que os foron arrimando contra aí para que quede na idea de que se foron metendo sós eles e os seus barcos ata embarrancar nun naufraxio no que a auga anda xa polo pescozo. Pero o mundo é pragmático e un dos grandes erros do sector cultural é pensar que as explicacións para todo o que ocorre teñen que ser culturais. A cultura autonómica naceu como expresión directa dunha autonomía e esta obviedade non oculta que esa cultura institucionalizada só sobrevive mentres a autonomía precise do verniz que lle prestou. A cultura autonómica galega naceu cun tamaño predeterminado: podería ter de todo sempre que fose a escala. Non era unha oferta de futuro, porque cando as cousas comezaron a medrar iniciouse unha poda, unha batalla por manter as cousas xusto no que poderíamos chamar ironicamente cultura autonómica. Logo chegou a crise e os teitos de cristal convertéronse en chan de cemento nun piso de estudante. Polo camiño, alguén descubriu unha leria repetida como un refrán: as autonomías non teñen que ter contido político, son un problema de xestión. A cabeza xa estaba reducida e casa común xa non precisa dos mobles institucionais dunha cultura propia.

Comentarios