Fiesta y erudición en las aulas lucenses

Debate sobre as vocacións (Foto: Iago Anello)
photo_camera Debate sobre as vocacións (Foto: Iago Anello)

O ies Muralla de Lugo pechou onte as xornadas de interrelación curricular cun cóctel no que se deron cita preto de setenta persoas e que permitiu que profesores e alumnos de distintos centros educativos da capital estreitaran lazos. Esther Aldariz , organizadora do acto, destacou que o acto alcanzaba onte a décima edición e recordou que o primeiro obxectivo é que os alumnos do ciclo de secretariado do instituto poñan en práctica a organización de eventos e sepan afrontar as complicacións e retos que supón facer un evento. Ademais dos alumnos de secretariado do Muralla Romana, no acto de onte participaron estudiantes de hostelería de Sanxillao, que prepararon pinchos. Ademais, acudiron alumnos da TIC e da Ramón Falcón.

Humanidades festexou a San Isidoro de Sevilla

Humanidades festexou onte ao seu patrón, San Isidoro de Sevilla. O vicerreitor do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a decana do devandito centro universitario lugués, María Isabel González Rey, foron os encargados de inaugurar esta cerimonia académica, na que tamén fixo uso da palabra o responsable do Servizo de Normalización Lingüística no campus de Lugo, Xusto Rodríguez.

A profesora do departamento de Lingüística Xeral da Universidade de Barcelona e directora do grupo de estudos de linguas ameazadas, Junyet Figueras, ofreceu o relatorio ‘Diversidade lingüística e creatividade’.

Ademais, a escritora e tamén profesora do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, Carmen Blanco, pronunciou un segundo relatorio que se desenvolveu baixo o título ‘Rosalía de Castro, creadora galega e universal’.

A figura e a lembranza da escritora galega máis universal tivo un protagonismo destacado durante este acto académico. De feito, o programa do actos incluíu un recital de homenaxe a Rosalía de Castro co gallo da conmemoración do 150 aniversario da publicación do libro ‘Cantares gallegos’.

Unha vez rematado o recital poético, todos os asistentes á celebración puideron compartir un viño na cafetería do centro universitario.

Santiago Crecente defendeu a súa tese de doutoramento

A Escola Politécnica Superior acolleu o acto de l ectura da tese de Santiago Crecente Campo, titulada ‘Microenxerto e recultivo do calo basal na micropropagación de material adulto de carballo e castiñeiro’. No acto estivo o profesor e director do traballo, Juan Luis Fernández Lorenzo .

Conferencia de Martínez Pisón en Lugo

O catedrático emérito da Universidade Autónoma de Madrid Eduardo Martínez Pisón deu a charla ‘A paisaxe da montaña’ na facultade de Formación do Profesorado.

Recoñecemento a Vila Pereiro

O Colexio de Graduados Sociales entregou onte unha orla conmemorativa á familia de Rafael Vila Pereiro, como xeito de deixar constancia do seu bo facer profesional e do respecto dos compañeiros de profesión.

Contacontos na librería Biblos

A librería Biblos acolleu onte o contacontos ‘A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza’, una obra coa que o pasaron fenomenal os cativos que asistiron a este acto de animación á lectura. 

Debate sobre as vocacións relixiosas

O domingo celébrase o día das vocacións nativas e, con ese motivo, o Seminario de Lugo foi escenario onte dun debate no que participaron un matrimonio, un sacerdote diocesano, un sacerdote africano e unha relixiosa.

Comentarios