Ferrol

VISITEI Ferrol hai uns dias. Xa estivera na cidade moitas veces, pero nunca cun algo de vagar, para pasear polas suas ruas, para admirar as instalacións militares, para asomarse á fermosa ría desde o castelo de San Felipe e, mesmo, para perderme. Quedei gratamente impresionado polas enormes potencialidades que acobilla, desde o ponto de vista do deseño urbano e da singular arquitectura do século XVIII, particularmente aquela accesible nas instalacións do Arsenal. Pero igualmente sorprendido do estado de abandono de bairros e zonas, tan singulares como o Ferrol Vello e de moitos edificios singulares, aparte naturalmente de algunhas aberracións propias dos anos do ‘desarrollismo’, que son denominador común de moitas das nosas cidades e de algunhas vilas, pois xa se sabe que o que, polo atallo, se chama feismo foi, e ainda é, un verdadeiro andazo.

En conversa cordial co intelixente guieiro que me conduce polos rueiros, parques e monumentos, falamos dun fenómeno no que quizais haberia que afondar analiticamente, máis aló da común explicación que sitúa boa parte dos males da cidade na época e na fenomenoloxia das reconversións. O desleixamento vai máis aló, ainda que unha parte da sua orixe veña motivada por aquela dura época. Quizais ese espíritu callou no corpo social, na conciencia colectiva e na falla de liderato institucional. Moi perto da urbe departamental sitúase a capital coruñesa, que tamén se viu afectada nas suas aspiracións, ainda que de xeito máis simbólico que real, personificadas na perda da capitalidade, que serviu para exacerbar un témero localismo que dou en realizacións contra natura, do ponto de vista da planificación xeral, na proliferación de infraestruturas e dotacións básicas que, coa axuda da mesma causa centrada na gran cidade do sur, inzaron o país: universidades, aeroportos e portos exteriores. Pero con todas as excepcións, con todos os matices, con todas as diferenzas nas respectivas casuísticas, A Coruña foi quen de reaxir.

Acudamos a un só, ainda que notable exemplo, como é a arquitectura militar, comparando o castelo de San Antón, magnificamente recuperado e restaurado, co impresionante de San Felipe, con funcións defensivas na entrada da Ria e base naval, xunto co da Palma. O ferrolán, aberto ao público, si, pero nun estado lamentable e triste. E xa non digamos das oportunidades do propio e soberbo Arsenal e de toda a pegada na cidade da impronta da Armada. Tivemos ocasión de visitar unha extraodinaria e atractiva Exposición Nacional da Construcción Naval, no edifico Ferrarías, próximo ao Museo Naval, dentro do recinto militar, e temos que decir que tanto como a mostra, quedamos impresionados polo propio edificio de finais do século XVIII, e moito máis tendo en conta que se trata dunha pequena mostra dentro da inmensidade do complexo arquitectónico da Base. Por si só, o patrimonio militar debera ser o alicerce para o despegue a prol da cidade. Os seus azos.

Comentarios