Ferrín reivindica a Lois Pereiro como autor de ''amplas minorías''

"Este ano produciuse un movemento social importantísimo en torno á figura de Lois Pereiro, con actos e respostas populares de todo tipo. Mesmo respostas prácticas a nivel de rúa. Pintadas co rostro de Lois Pereiro e poemas seus nas paredes das cidades, anónimas". Así destacou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, a "explosión" xerada en torno á figura do poeta monfortino, homenaxeado no Día das Letras deste ano.

Nacido en Monforte de Lemos o 16 de febreiro de 1958 e falecido na Coruña o 24 de maio de 1996, Lois Pereiro forma parte dunha xeración "moi importante" que a mediados dos 70 "intentou romper coa monotonía da poesía de carácter realista que dominaba Galicia e España".

"Conseguiron abrir un camiño novo para a poesía galega", recordou Ferrín, nunha entrevista concedida a Europa Press. Esta nova tendencia significou "unha forma de ruptura, pero existencial". "O seu poema está ao servizo das vivencias profundas e subxectivas do individuo".

O presidente da RAG describiu o homenaxeado como un autor "de pequena produción", un poeta "de culto" que "escribiu para amplas minorías" e a obra da cal está a experimentar a súa "popularización" nestes momentos.

"Hai obra poética en torno ao suscitada por Pereiro, musical suscitada por Pereiro e, naturalmente, os críticos ocúpanse de Pereiro igual que os profesores, de maneira que a resposta á proposta da Academia foi masiva", resalta.

Como cada ano, a Real Academia Galega celebrará un plenario extraordinario na cidade natal do homenaxeado, neste caso en Monforte (12.15 no salón de actos da casa da cultura), que contará coa intervención de varias "voces autorizadas e potentes", como Margarida Ledo, Manuel Rivas, Darío Xohán Cabana, Antón Santamarina, Luz Pozo Garza e o propio Méndez Ferrín. "Estamos a glorificar unha persoa do presente".

Comentarios