Fernando Tato: "As miñas novas cancións son máis rockeiras, máis sinceras"

O cantautor e actor de Narón lembra como da guitarra do seu pai naceu o seu amor pola música, unha paixón que combina co cine
Fernando Tato
photo_camera Fernando Tato

Recorda os seus inicios no mundo da música?
Empecei escoitando o que había na casa e cando cumprín os 12 anos comecei a trastear coa guitarra do meu pai ata que conseguín que me metesen en clases e... ata agora!

O interese foi anterior ao mundo da interpretación?
Sempre me gustou moito o cine, pero xamais pensara na interpretación como un traballo posible. En cambio, dende que tiña trece anos quería ser estrela do rock.

Como compaxina as dúas artes?
As dúas teñen o mesmo peso na miña vida. Agora mesmo acabo de rematar de gravar o novo EP, Flores raras, que son tres cancións. Aproveito cando non estou rodando ou ensaiando para gravar cancións porque cando estás nunha serie é moi difícil; podes dar concertos, pero non podes entrar no follón que supón unha gravación. Levo estes dous meses en Galicia preparando todo; a gravación, o videoclip, a maquetación, a arte do disco...

E que o inspira a vostede á hora de compoñer?
Non é que agarde a que me veña á inspiración, pois como dicía Picasso: «A inspiración que te colle traballando». Hai que tocar moito, a veces unha canción sae dun verso.., mais eu non teño un método.

Como definiría entón a súa música?
Non sei como definirme. Os meus primeiros dous discos son unha música tranquila e melancólica. Sen embargo, o de agora non é o mesmo pois é máis rockeiro, máis cañeiro. Que podo dicir? É unha música sincera.

"O máis gratificante é que haxa un sentimento compartido nunha canción"


Que é o máis gratificante de mostrar a súa música ante o público?
O máis gratificante é cando alguén comparte comigo que esa canción é das súas favoritas ou que fala dun sentimento compartido; o meu primeiro disco foi un reflexo disto. Pero hai moitos momentos bos como cando estou no estudo acabando de gravar que é unha marabilla, ou cando paso os temas ao directo. É unha satisfacción continua!

Entrados agora en materia de cine, como foron os seus comezos?
Foi no teatro. Eu non teño unha carreira moi típica, pois empecei a estudar aos 28 anos e a traballar aos trinta. Lembro todo con moito entusiasmo, xa que supoñía meterme dentro de algo que me encantaba e non entendía. A primeira obra foi con Romeo y Julieta, na cal tivemos unha xira dun ano e medio e foi unha marabilla.

Que lle aportou a vostede iniciarse no mundo do audiovisual da man dunha serie tan coñecida como foi Libro de familia?
Foi unha marabilla no sentido de que aprendín latín, pois non tiña ningunha experiencia no audivosual. Estiven dous anos e medio con Lucía Regueiro, Mara Sánchez, Antonio Mourelos... Foi unha escola marabillosa.

Sen embargo con O Faro chegou o seu papel protagonista. Que supuxo isto para vostede?
Foi outro mundo participar nunha produción de 510 capítulos, onde había que estar traballando todo o día durante tres anos longos, outra escola incrible!

Sentiu vostede moita presión?
As series diarias sempre son moi esixentes, pero o que máis me gusta é o meu traballo así que o levaba con moita ledicia.

Cústalle mudar dun personaxe a outro?
Non teño problema con isto, encántame meterme en cousas distintas. A min sempre me daban protagonistas románticos de novela e fixen hai pouco dun atracador que estaba como unha cabra, unha marabilla!

E en que anda metido esta tempada?
Estou rematando o disco que sairá en outubro e nunha semana entro a dirixir a miña segunda curtometraxe como director. En canto remate isto, rodarei o videoclip do meu segundo single. É un verán ocupado no que estou encantado.

E nun periodo de dez anos, como lle gustaría verse?
O meu soño é poder seguir dedicándome ao que me gusta e vivir disto. Agardo que cada vez vaia un pouco mellor e poder facer as cousas con máis medios e máis comodamente e non andar co racaneo que hai que pasar ás veces para levantar as cousas.

Comentarios