Fernando Nolla daba visto o Fujiyama no pico de Ferreira

Entre o tío Pepe e o primo Lalo.
photo_camera Entre o tío Pepe e o primo Lalo.

Algunhas das primeiras lecturas de Fernando Pérez-Barreiro Nolla sendo neno foron no xornal Pro Neutralidad, financiado polo goberno nazi e editado polo seu pai no Viveiro da Segunda Guerra Mundial. Na sección de esquelas non era raro ler algún recadro que lembraba as vítimas que causara o pirata sir Francis Drake nas súas incrusións na Mariña e se solicitaba unha oración polo seu eterno descanso. As insercións, sumadas aos eloxios aos «submarinos da nobre Xermania», foron tomadas pola embaixada británica coma unha provocación que a levou a intentar que se procesase ao director de Pro Neutralidad.

Nas súas memorias, ‘Amada liberdade’ (Xerais, 2013), o tradutor vivairense escribe que «non deixa de ser curioso que eu fose contratado pola BBC e vivise a maior parte da miña vida en Gran Bretaña». «O meu pai tiña moito sentido do humor e iso parecelleulle normal. Non así a un irmán del que chegou a cura e amezou con desherdarme por marchar a Inglaterra, despois do que fixera Drake», comenta.

A pesar das reticencias do seu tío, Fernando Pérez-Barreiro Nolla traballou sempre dende fóra de Galicia, pero sempre mirando cara Galicia. Nolla era fillo «dun seminarista sen vocación» que pasou por Mondoñedo e avogado «que regresou a Viveiro para nunca exercer» pois procedía dunha saga de caciques. O avó do tradutor lideraba o Partido Conservador e fora alcalde de Viveiro na ditadura de Primo de Rivera.

O pai foi reclamado nos anos 20 para dirixir o xornal El Correo Gallego en Ferrol, onde naceu Fernando Nolla en 1931. Depois, pasou a ser director de La Verdad e foi elixido deputado pola Ceda en 1936. «Gustáballe a polémica por exercicio de enxeño máis ca por ideoloxía, e nunca sospeitou que as cousas fosen poñerse como se puxeron nin que algúns ferroláns mandasen matar a outros», comenta o autor de ‘Amada liberdade».

Viveiro era un lugar onde el regresaba decontino, cando había vacacións na escola. O seu punto de regreso era Pedeboi, na ladeira do monte San Roque, onde o seu tío Pepe gozaba do eretismo e co que el botaba tempadas nunha vida relixiosa que lle parecía «moi entretida», pero que non logrou que lle prendese «inquedanza espiritual ningunha». Sorprende pese a que moitas oracións ían dirixidas a favorecer a sorte dun curmán que marchara á División Azul e non regresara.

Un día, presentouse no Goberno Militar de Lugo. Saíra camiñando dun hospital de Riga preguntando pola dirección «Espanien» en cada cruce.

Con moita máis forza ca pola fe se viu atraído polo galeguismo, no que o introduce o seu profesor nunha academia de Ferrol Ricardo Carvalho Calero. O seu convencemento medraría tras ir a Santiago para estudar Dereito contra fin dos anos 40. No café Español asiste á tertulia de Otero Pedrayo, «que monologaba», e coñece a tres persoas que determinarían o seu futuro: Ramón Piñeiro, que o guiaría ao galeguismo nun primeiro momento; un novísimo Xosé Manuel Beiras, que sería amigo íntimo, e Teresa Barro, coa que casaría en 1962.

Nova York

Unha mañá do ano 1963, Fernando Nolla encamiñouse cara ao café Unión e, xa en proceso de cultivar o seu interese polos idiomas, comprara unha gramática de portugués. No café leu no xornal unha oferta de traballo para ser tradutor da ONU. «Ese traballo é en Nova York», retrucou a muller en ton desaprobatorio. Ela representara o seu futuro en común no traballo no que xa estaban, dando clases de latín e grego nunha academia e vivindo na Coruña.

Ao cabo, decidiu un segundo anuncio de prensa: o Servizo de Español da BBC en Londres precisaba redactores. Un trimestre máis tarde, Fernando embarcaba en Vigo entre emigrantes antillanos e froitas tropicais cara a Southampton. Un ano despois, Teresa e o seu fillo irían onda el.

A gramática lusa serveulle no novo destino laboral, pois, a maiores de falar para os españois, deixouse convencer para participar nos espazos en portugués.

De Galicia non chegaban demasiados visitantes, pero Beiras era habitual. «Arranxeille unha entrevista na BBC; fíxolla Eduardo Punset», pero «saiu un pouco decepcionado porque non puidera falar moito de política». Daquela, o actual dirixente de Age, participaba nun nacente PSG. Nolla axudouno nalgunhas oportunidades, pero desencantado de Piñeiro, polo que entendeu como falta de coherencia, sempre percibiu que actuaba en nome da amizade.

Chinés

«En Londres tiven a sorte de aproveitar a riqueza relampante de estudos vespertinos de todo xénero», confesa Fernando Nolla, falante na altura de cinco idiomas. Como estaban subvencionados, o tradutor estudou noruegués e hebreo moderno, aínda que soamente afondou no coñecemento do chinés. «A vantaxe desa lingua é que é chave que abre un mundo de enormes dimensións no espazo e no tempo», apunta.

Tras obter un título acreditativo, empezou estudos universitarios un ano máis tarde. Puido mellorar a pronuncia grazas «a unha antena instalada no noso xardín de Londres que, ben orientada e a certas horas, nos permitía escoitar chinés».

Contra o remate de ‘Amada liberdade’, Fernando Nolla relata a súa estadía en China nos anos 80, onde se sorprendeu de «atopar nunha rúa de Cantón o único chinés escéptico en política» en toda a súa viaxe, malia que compriría agardar algo diferente.

A aprendizaxe desa lingua «resulta indispensable para non quedar limitado á información que dan ou prefiren dar os chineses noutras linguas». Como exemplo do carácter precavido dos orientais, pon que «ler a prensa chinesa é unha tarefa de dobre dificultade» porque, se «a prensa de calquera país só pode analizarse lendo entre liñas, no caso do chinés, a dificultade polo menos duplícase, porque para ler entre liñas hai que ter un coñemento máis amplo de moitas cousas que están en chinés, e nun chinés moi diferente ao xornalístico de hoxe».

Esa paixón por Oriente e polo misterio que rodea ás formas de cultura dos países desa banda do mundo, parecían latexar xa no Fernando que era neno, «cando amencía no monte San Roque e contemplaba o pico da Ferreira coma un Fujiyama».

A MULLER
«Sabiamos que duraría pouco»

Teresa Barro completa o libro de memorias ‘Amada liberdade’ achegando o seu punto de vista da relación que a uniu durante toda a vida a Fernando Pérez-Barreiro Nolla. A súa relación comezou en Santiago en 1955 e, cando el se lle declarou, ela asegura que estaba certa de que «os dous sabiamos que durariamos pouco».

Romanés

Teresa sentira falar da intelixencia e dos coñecementos idiomáticos, «mesmo se dicía que sabía romanés», do seu pretendente.

Enterro cos polacos

A muller de Fernando Nolla comenta que, «foi estranxeiro ata o final» pois, cando houbo que enterralo, «a terra estaba tan conxelada que soamente se puido cavar unha tumba na parte do cemiterio asignada aos polacos». «Agora estará aprendendo polaco», bromea.

EDUARD PUNSET
Un gran pensador ignorado

O xornalista Eduard Punset sinalaba nun artigo publicado na sección Mentes Maravillosas da revista Muy Interesante en 2011 que «solo tengo amigas, la gran excepción fue Fernando Nolla» porque «no he conocido a otro pensador ni tan bueno ni tan ignorado». Durante cinco anos compartiron traballo nos servizos exteriores da BBC e vida -residían moi preto o un do outro-, aínda que o vivairense enfocou as súas memorias a falar das lembranzas na que interveñen galegos e Punset é catalán.

Humanos

O divulgador científico confesa admiración polo xeito no que Nolla obviaba «las proezas de la Historia» dado que «solamente contaba lo que nos hace humanos y, en condición de tales, poco importaba que hablásemos chino, inglés o gallego».

Regreso

Neses anos 60 que compartiron, Eduard Punset non podía regresar a España porque non rematara a milicia universitaria, polo que «Fernando era el único exiliado de verdad». «No volvía a Galicia porque la había dejado definitivamente atrás: podía esperar 100 o 200 años a que le alcanzaran en su desdén por lo material, en su interés por la textura del chino, el gallego o el español». Os seus intereses eran «saber lo que les pasaba a los demás cuando nadie se preocupaba por eso», aínda que «nunca le apateció que los demás se enteraran de lo que estaba pasando por dentro».

Comentarios