viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

Fernando Morán: ''Todos os personaxes de 'Anxeliños' son perdedores''

Fernando Morán (Foto: EPL)
Fernando Morán (Foto: EPL)

Se nos atopásemos pola rúa con Fernando Morán (Meirás, 1949) saudaríamolo pensando que o coñecemos. Raramente protagonista, é habitual de series da Galega. Este xoves 19, en Lugo converterase nun ex policía cobrador de morosos. Encabeza o reparto do grupo Espello Cóncavo, que representa Anxeliños, de Roberto Vidal Bolaño, no auditorio Gustavo Freire, como parte da Mostra de Teatro Galego do Concello de Lugo.

Vidal Bolaño é un autor reiteradamente reivindicado. Por que o escolleron vostedes?
Roberto Vidal Bolaño é un dos grandes dramaturgos. Non só de Galicia, senón a secas.

Vostede encarna un policía franquista que...
Non, imos ver, non é tanto así. É un cobrador de morosos ao que o autor deu esa profesión polo momento en que a escribiu.

A peza é de mediados dos 90, pero recuperou actualidade.
Si, o espectáculo está moi vixente. Fala da crise, do mal momento dunha empresa de cobro de morosos, que debe recorrer a calquera método para subsistir. Iso pode trasladarse a esta época. Vidal Bolaño definiuna como unha "comedia satánica", de aspectos da condición humana que afloran en certas circunstancias e que levan ao ser humano a facer o que non faría noutras circunstancias.

O personaxe, Charli, asiste a unha representación de Fausto.
Si, hai algo de trato co demo...

O seu irmán, un tipo sólido que tratou coa Mafia, proponlle o pacto.
Si, o seu irmán é un personaxe maléfico e diabólico. Charli acepta o trato malia non estar de acordo co seu xeito de actuar.

Sor Anxélica é o contrapunto.
Nesta obra non hai contrapunto. Os personaxes teñen en común unha certa deformidade. Todos e cada un son perdedores; dende a filla do Charli, á que lle preocupa o seu aspecto físico, aínda que logo ten matices ata á monxa beata, á que a relixión non lle impide actuar contra quen sexa.

Tamén teñen en común que dependen da economía.
Si, iso condiciona a existencia de todos.

Ese trato tan humano dos tipos foi o que lles interesou de Vidal Bolaño?
O seu teatro afonda na condición humana, de xeito que pode extrapolarse a moitas persoas. A súa obra ten moito en común co teatro de Valle Inclán, no senso de que son esperpénticos, de que o absurdo non está no xeito de representar, senón nas situacións; non hai que dar a volta ás situacións.

Anxeliños resiste ben estes 13 anos?
Bolaño escribiu un teatro moi moderno. O seu teatro está tocado pola grande afección ao cinema, e esta obra de xeito especial. El tiña claro que quería ser director de cine, co que poderíamos case que falar de guión. Hai varios flashback, que poden despistar porque non é habitual que nunha obra de teatro haxa tantos cambios de espazo e tempo.

Non me asuste á clientela.
Non, enténdese ben, pero ao primeiro pode despistar porque hai varios espazos: o bar, a comisaría... Anxeliños ten unha estrutura case que circular: comeza cos personaxes comparecendo en comisaría falando dos feitos aos que se chegaron.

A montaxe é sobria. Decidírono polos continuos cambios de escenario que marca o texto?
Eu non vin a versión que fixo o propio Vidal Bolaño, non sei como a fixo. Nós tratamos de evitar que o ritmo da representación quedase ralentizado por mor deses constantes cambios. Usamos elementos mínimos, moitas veces son soamente xogos de luces.

Vostede participa nas dúas películas galegas do momento: Os mortos van ás présas e Pradolongo.
En Os mortos... facía de narrador, pero logo fun vítima da montaxe.

¿Como di?
Non quero falar diso, é unha gran película e estou seguro de que vai funcionar moi ben. Son gajes do oficio.

Perdoe, pode explicarmo?
É algo habitual. Cando se montou, o meu personaxe quedou reducido.

Fernando Morán: ''Todos os personaxes de 'Anxeliños' son perdedores''
Comentarios