Fernando González, Gonzo: ''Rajoy no va a hablar de los sobres ni con su psiquiatra''

Sempre que pode voa ata Balaídos para ver ao seu equipo, é abonado da grada de Río Alto, resistiuse a empadroarse en Madrid durante moito tempo por votar en Galicia e agarda poder volver traballar na súa terra. Ata agora estivo -non é que o deixara, pero leva uns días de vacacións- no equipo do programa de La Sexta ‘El intermedio’, onde realiza reportaxes incisivas a pé de rúa nas que pon rubias as meixelas dos políticos máis mediáticos.

¿Seu nome artístico ten algo que ver co que se entende como ‘xornalismo Gonzo?

Non ten nada que ver, ese nome xa o teño dende os nove ou dez anos. Era como me chamaban os compañeiros de clase.

Pero non semella unha casualidade, porque o xeito de intimidar e de meterse na noticia son algunhas das características deste tipo de xornalismo...

Pode ter algo que ver no sentido no que eu achego as noticias ao meu xeito de entendelas. Pero hai diferenzas: eu non traballo borracho nin drogado, como facía Hunter S. Thompson [ri]. Pero algo de parecido si que pode haber.

¿Naceu así ou tivo que adestrarse para ser tan atrevido preguntando?

Non é que eu teña cara, non fago ningún esforzo para preguntar. Dende pequeno sempre fun crítico á hora de escoitar as noticias da actualidade. De feito, na casa dos meus pais sempre se comentaban en alto as opinións mentres viamos o telediario á hora de comer. Algo xa viña da miña forma de entender a vida, pero ás veces si que teño que facer o esforzo de non botarme atrás e insistir preguntando.

Como definiría o seu traballo: ¿humorístico ou xornalístico?

Gustaríame que a xente entendera o meu traballo como xornalismo. O que pasa é que na televisión sempre traballei en programas cun alto contido de humor. Pero hai un xénero do xornalismo que é a sátira, e iso é o que fago eu. Para nada me considero humorista, de feito non teño demasiada graza nin humor ao falar.

¿As preguntas incómodas ocórrenselle a vostede ou ten guionistas que o axudan?

É unha mestura. A min ocórrenseme preguntas, pero os guionistas tamén me axudan. Ás veces hai que ser espontáneo porque a medida que evoluciona a entrevista van xurdindo preguntas que se me poden ocorrer no momento.

¿Tamén lle fai este tipo de preguntas ao seu xefe, Wyoming? Será unha brincadeira, ¿non?

Claro, e iso si que é humor. Foi unha idea concibida como un chiste pero coa finalidade de amosar que nós tamén nos rimos de nós mesmos e das nosas contradicións. Iso xustifica que logo nos atrevamos a meternos coa xente.

Entón, ¿hai ‘bo rollo’?

Por suposto, estou moi cómodo nesa canle e nese programa.

¿Non será que Wyoming tamén reparte sobres en B?

[Ri]. Non, non e non. Non reparte nin en B nin en A. Para iso non é nada desprendido [ri]. Estou contento porque temos unha boa relación e aínda que os chistes semellen ferintes pasámolo ben. Hai confianza e a min é un momento do programa que me gusta moito.

Falando de sobres B, ¿vostede veríase capaz de facer falar a Rajoy sobre este tema?

Non, Rajoy disto non vai falar nin co seu psiquiatra [ri]. Un home que se presenta tres días despois dun escándalo como este por Skype ou algo parecido deixa claro que non quere falar. Cando eu traballaba no ‘Caiga quien caiga’, el estaba na oposición e era moi dado a falar. Incluso me sentei ao lado del nunha merendola destas que monta o PP en Galicia e puiden entrevistalo en varias ocasións. Pero dende que estou en ‘El intermedio’, e sobre todo dende que goberna, nunca me contestou. Por iso me temo que non vou poder facer nada. Só se puidese usar a violencia, pero non vou chegar a eses extremos [ri de novo].

Nas últimas eleccións autonómicas galegas asistiu ao acto de presentación da candidatura de Mario Conde. Víaselle moi integrado, incluso ía vestido como un banqueiro... ¿Segue empadroado en Vigo?

Non, desafortunadamente tiven que cambiarme a Madrid hai uns anos.

Entón, despois de escoitar toda a súa intervención non puido votar a Mario Conde...

Sentín non votar en Galicia, pero non precisamente por Mario Conde [ri]. Aínda que non viva aí síntome afectado polos problemas que hai en Galicia, entre outras cousas porque teño aí a maior parte da miña familia. De tódolos xeitos, creo que terei que falar con Mario para que se presente por Madrid [ri de novo].

¿Cal das súas reportaxes recorda con máis simpatía?

A que probablemente tivo máis repercusión e deu importancia ao programa foi a de Ana Botella. Perseguímola indo pola mañá á perruquería en coche oficial e foi unha reportaxe importante para consolidar a miña sección no programa.

Moitas veces quixeron pegarlle mentres traballaba. ¿Fóra do horario laboral tamén lle pasa?

Non moito. Ás veces míranme con mala cara, pero pouco máis. Parece máis do que realmente é.

¿Non teme ás veces ser demasiado atrevido ao facer as preguntas polas consecuencias que poidan traer?

Non. Nunca penso nas consecuencias e se fora así non faría o meu traballo correctamente.

Unhas das consecuencias que lle puido traer a súa forma de facer xornalismo puido ser que non emitiran o capítulo sobre as ‘vacas tolas’ que preparou para o seu programa ‘A caixa negra’, na canle autonómica galega...

Ao final emitírono, pero máis tarde. Pode ser que as razóns que me deron para non emitilo non foran suficientes e máis ben era por cuestións políticas. Recorda que iso ocorreu cando o PP volveu gobernar despois do bipartito. Pero cando traballas xa sabes que, por desgraza, predomina a ideoloxía.

¿Cre que agora mesmo vostede tería cabida na TVG?

Supoño que non. Tampouco sei como traballan porque non a podo ver. Tiven ofertas por parte de produtoras e cando presentaron o proxecto na canle autonómica dixeron que non. Así que creo que non lles intereso.

¿Veríase nalgunha outra canle que non fose La Sexta?

Vendo a televisión que se fai creo que estou na canle na que me sinto máis cómodo. Estou moi ben e non quero cambiar.

Tal vez porque algo, algo ‘sociata’ si que é, ¿non?

Non, para nada [ri]. Se de min dependesen os contidos eu meteríame con todos. O que si recoñezo é que me interesan máis as ideas da esquerda que as da dereita. Pero ‘sociata’ xa che digo rotundamente que non o son, nunca votei ao PSOE.

Por certo, ¿de que se sente máis orgulloso de si mesmo?

De poñer en práctica todo o que me ensinaron meus pais.

Se puidese ser calquera persoa, ¿quen sería?

Vanme bastante ben as cousas como para cambiarme por ninguén.

Arrepíntese de...

A verdade é que, agora mesmo, non me vén nada á cabeza.

GALICIA NO CORAZÓN

Raíces

As súas están repartidas entre Riotorto, en Lugo, e máis Vigo.

Xornalista

Empezou a súa carreira como xornalista en Radio Nacional de España, en Lugo e Santiago. Durante varios anos estivo na radio.

En 2005 chegoulle a fama como un dos reporteiros de lentes negras de ‘Caiga quien caiga’ (Telecinco).

Entre xuño e setembro de 2008 presentou ‘El método Gonzo’, un programa de actualidade e denuncia, en Antena 3. Tamén tivo o seu propio espazo na TVG: ‘A caixa negra’ (2010).

No 2010 ficha pola canle La Sexta. Aquí, no programa ‘El intermedio’, exerce de reporteiro de rúa especializado en información política.

En abril deste ano recibiu o Premio Pilar Blanco a la Comunicación Sociolaboral 2013, da Fundación Sindical Ateneo Cultural Primero de Mayo de CC.OO. de Madrid.

Sexa valente e diga a verdade, ¿fixo trampa algunha vez?

Si. Copiando nos exames, esa foi a máis reincidente das trampas que eu fixen.

O peor que fixo nun ataque de xenreira foi...

Non teño moitos, pero diríache que nada que non se puidera solucionar 20 minutos despois pedindo disculpas.

¿Levou algunha vez algo sen pagar ou marchou dun restaurante sen pedir a conta?

Unha vez collín unha revista e unhas pilas en El Corte Inglés. Tiña 14 anos e ao día seguinte ía de excursión, por iso collín as pilas -para o walkman- e a revista, para ver no autobús. Ao final pilláronme, e a miña ousadía quedou nun intento de roubo.

¿Que cre que sería capaz de facer para conseguir un millón de euros?

Nada que non fose honrado ou do que me puidera arrepentir.

E dáse conta de que se lle fai auga na boca cando...

¡Cando penso nas vacacións! En estar nas Rías Baixas unhas semaniñas, por exemplo.

¿Que persoas ou que situacións espertan os seus desexos máis ocultos?

Síntoo, pero creo que non teño moitos desexos ocultos.

E na mesa, ¿ante que non se pode resistir?

Ante moitas cousas: marisco, tenreira, un bo viño... Na mesa é fácil conquistarme.

¿Podería vivir sen espello ou é dos que se van mirando nos escaparates?

Creo que podería vivir sen espello. O meu físico non é algo que me obsesione.

¿Cal foi a última mentira que contou?

Non o lembro exactamente, pero probablemente foi á miña filla, para convencela de que fixese algo.

E aí vai a última: a preguiza vénceo cando...

¡Vénceme moitas veces! [ri con gañas], sobre todo os luns.

Comentarios