Fernando Arribas Arias: ''Los cruceiros forman parte de nuestra identidad''

Este lucense amante dos cruceiros vén de participar activamente no curso da Universidade de Santiago ‘Paisaxes Simbólicas’, celebrado en Guitiriz a semana pasada, no cal deixou boa mostra do seu intenso labor en prol da conservación dun patrimonio para moitos esquecido.

A PESAR de que naceu na cidade de Lugo hai máis de medio século, Fernando Arribas defínese a si mesmo coma un mozo, con moitas cousas aínda por facer. Licenciado en Humanidades, mestre, etnógrafo e técnico de difusión no Museo Provincial de Lugo, encántalle percorrer as pistas máis recónditas da provincia en busca de cruceiros. Esta 'caza de cruces', realizada en moitas ocasións a través da comarca chairega, tamén deu os seus froitos noutros lugares que poderían resultar sorprendentes para moita xente.  

Na súa intervención do curso ‘Paisaxes Simbólicas’ vostede falou da importancia que tén o patrimonio en Galicia. A que se debe ese valor?

O patrimonio en Galicia, referido especialmente ós cruceiros e cruces, é unha cousa que forma parte da nosa identidade. Estas construcións están completamente implicadas na nosa paisaxe dende o século XIV ata os nosos días, e son un elemento diferenciador da nosa cultura.

Noutras zonas de España e do mundo existen restos patrimoniais similares ós galegos?

Se nos referimos ós cruceiros, Galicia é o lugar do mundo onde hai máis obxectos deste tipo, uns 10.000. Non obstante, iso non quita que os haxa noutras partes. En España, hai zonas moi ricas en cruceiros: Castela e León e Navarra, debido ó Camiño Francés, e o Levante, onde foron un símbolo da Reconquista contra os musulmáns, por poñer dous exemplos. En Cataluña houbo moitos cruceiros, pero foron derribados durante a Guerra Civil, xa que moitos republicanos non souberon ver máis aló do seu significado relixioso, en lugar de fixarse no valor histórico e cultural que posuían. Fóra do Estado, atopei cruceiros en moitos países de Europa, no barrio financeiro de Nova York e incluso en Ushuaia, na Patagonia arxentina, seguramente o máis austral do mundo. Aínda así, a densidade e abundancia que existen en Galicia non son superadas en ningunha outra parte.

Para un ‘cazador’ de cruceiros coma vostede, que é o que máis importa á hora de valoralos?

Cando ves un cruceiro tratas, en primeiro lugar, de describilo. Analízase o material do que está feito, se ten ou non ten efixies e a decoración. Acto seguido, o que se intenta é atopar a época á que pertence e, se é posible, o autor. Os que nos dedicamos a isto agradecemos moito que apareza unha inscrición na que figure a data e a persoa que o mandou facer. Se non é así, tes que basearte na información de testemuñas ou nos paralelismos con outras obras. Por último, tamén é moi importante a situación, xa que se un cruceiro aparece nunha encrucillada, é moi posible que alí morrese algunha persoa, cousa que non pasa se está no adro dunha igrexa. A colocación nestes lugares tan concretos débese á que tiñan que estar en lugares públicos para que a xente rezase, algo que se foi desvirtuando hoxe en día, época na que podemos atopar cruceiros fóra do seu sitio, en casas particulares onde teñen unha función puramente ornamental.

Por que hai en Galicia tanto patrimonio relixioso en comparación con outras temáticas?

Isto xa vén da época prerromana, na que os habitantes das nosas terras adoraban ós deuses dos camiños, convertidos, trala romanización, nos lares viarios. Cando chegaron os cristiáns, estes costumes adaptáronse e, tralo Concilio de Trento, a idea do purgatorio arraigou moito en Galicia. Entón, construíronse moitos cruceiros e cruces para que a xente rezase e deste xeito axudar ós familiares a lograr a salvación eterna. Ademais, con estes actos de indulxencia todo o mundo saía gañando: os que pasaban por diante, porque aproveitaban para rezar; o que mandaba poñer o cruceiro, porque rezaban por el; e a Igrexa, porque recibía os cartos do que quería poñer o cruceiro. Era un negocio para todos, e por iso se adaptou tan ben á idiosincracia de Galicia.

E máis concretamente, na Terra Chá, cales son os concellos máis ricos neste tipo de elementos artísticos?

De todos eles, o máis rico é Vilalba, seguido de Abadín. Se os sumamos ó resto de concellos da zona, temos arredor de 450 cruceiros, sen contar cruces. Isto converte á Terra Chá na comarca maís rica neste tipo de manifestacións populares da provincia de Lugo. Os cruceiros chairegos teñen así mesmo unhas características identificativas, polo que podemos diferencialos perfectamente doutros que se atopan noutras latitudes. Para investigalos e catalogalos uninme no ano 1993 a outros dous etnógrafos, José Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra, cos que puxen en marcha o ‘Proxecto Carboeira’, cuxo nome ten relación cunha familia de canteiros de Román, en Vilalba. Dende aquela, dedicámonos a percorrer tódolos concellos da comarca e publicamos diversos traballos sobre o tema. Hoxe en día, soamente nos falta por publicar o volume dedicado a Vilalba, que esperemos que saia a finais de ano, ademais de facer as pertinentes revisións e modificacións nos anteriores traballos. No futuro non descartariamos extrapolar todo este labor de investigación a toda a provincia de Lugo.

Á xente de hoxe en día interésalle conservar os restos do seu pasado?

Podería darche varias respostas, de que si e de que non. A xente, en principio, non lles dá valor ós cruceiros por despiste persoal ou por desconocer o seu significado. Eu recordo unha vez na que, investigando un cruceiro, achegouse un veciño e díxome que mo vendía. Eu díxenlle que non me interesaba compralo, e expliqueille un pouco a historia do obxecto en cuestión, que pertencera á súa bisavoa. Cando o veciño soubo este dato, as súas ganas de venderme o cruceiro disminuíron notablemente, porque xa tiña un valor para el. Esta anécdota serve para explicar que o descoñecemento dunha cousa leva a non valorala. E ademais do seu valor simbólico ou sentimental, como este último caso, tamén conservan en moitos sitios o compoñente relixioso. Xa non é a primeira vez que atopamos cruceiros con flores, esmolas ou candeas, ofrendas todas elas cun significado devocional.

Dicía hai uns días o arqueólogo vilalbés Eduardo Ramil que «as sociedades máis avanzadas son as que lle dan importancia á súa historia». Apoia vostede esa afirmación?

Completamente. Sempre se dixo que un pobo sen historia é un pobo condenado a repetir os erros do pasado, un pobo sen futuro. Nese pasado, o patrimonio artístico é unha parte importante dese futuro. O exemplo de antes, o do veciño que me quería vender o cruceiro, serve tamén para este caso. Cun coñecemento do seu pasado, xa tiña unha nova proxección de futuro, a de non venderme o cruceiro. É unha mágoa que a maioría da xente non se interese polo seu pasado, non xa de xeito universal, senón pola historia da súa vida. A gran parte da poboación sabe o que son as pirámides, pero nunca oíu falar dunha mámoa, porque lle damos máis importancia ó de fóra que ó que está ó lado da casa. E para construírnos a nós mesmos, máis importantes son as mámoas que as pirámides.

Cre vostede que esta ignorancia pode ser unha das causas da destrución e roubos de cruceiros que están a ocorrer nos últimos tempos?

O coñecemento funciona como unha arma de dobre filo: se non se valora unha obra, destrúese por causa da ignorancia, e, se é moi valorada, pode que sexa obxecto de roubo. A solución máis factible para evitar estas barbaridades pasa polo aumento equitativo da educación e da seguridade. Outro factor vital para que a xente coñeza o incalculable valor do patrimonio é o apoio das administracións.

DE PRETO
«Obsesióname atopar cruceiros en tódolos sitios ós que viaxo»

Como comezou a afección polos cruceiros?

A causa foi unha investigación iniciada en Lugo no ano 1982. Agora xa se trata dunha obsesión, porque trato de atopar cruceiros en tódolos sitios ós que vou. Ademais, na busca de cruceiros podo viaxar, camiñar, fotografar e comer, que son as outras miñas grandes paixóns.

Cal é a súa pedra favorita?

A cantería, unha pedra moi asociada a Galicia.

Na arte, é relixioso ou profano?

Máis ca iso, impórtame que cada obra teña un significado e unha identidade.

Seguindo coa arte, agora universal. Que obra lle impresionou máis cando a víu por primeira vez?

A Gran Muralla China, aínda que tamén me impresionan as pequenas obras autóctonas.

En canto ó cine, é vostede clásico ou moderno?

Gústame de todo, pero cunha perspectiva histórica. Penso que debería haber máis museos dedicados a esta grandísima arte.

E con respecto á música?

Con perdón dos musicólogos, eu considero a música como unha arte incompleta, que precisa da imaxe para ter un significado.

Nun patrimonio como é o da comida, que prato non faltaría nunca no seu museo?

A repostería tradicional. Forma parte da nosa cultura, polo que é necesario fomentala hoxe en día.

Comentarios