Suso Fernández: ''Fernández Mato viviu durante catro anos en Foz e estivo moi vinculado ao pobo''

Suso Fernández.
photo_camera Suso Fernández.

Suso Fernández é unha persoa que xa colaborou en outras edicións nas Xornadas de Historia que se están desenvolvendo esta semana en Foz. Este ano ofreceu unha charla sobre a figura de Ramón Fernández Mato e a súa vinculación co municipio dende unha visión intimista, xa que foron grandes amigos.

O CronistA oficial de Foz, Suso Fernández, falou onte na casa da cultura da localidade sobre o autor Ramón Fernández Mato e da súa vinculación coa vila. Esta conferencia foi a terceira que se inclúe nas Xornadas de Historia Local que organiza a asociación cultural A Pomba do Arco.

Quen foi Ramón Fernández Mato?

El naceu en Boiro. Tratouse dun distinguido político da República. Fixo unha labor xornalística na prensa moi memorable e escribiu moitos libros, entre os que destaca ‘Muros de oro’, dedicado a unha actriz arxentina moi famosa, Lola Membrives.

Como o coñeceu?

El estaba casado en O Valadouro con Pepita Fernández e viviron catro anos en Foz. Cando el chegou ao municipio eu acababa de poñer a librería e viña moitas veces por alí. Facíamos tertulias xuntos e con máis homes ilustres.

El estudara Medicina, exerceu diso?

Non, el foi como Castelao, estudiou e doutorouse, pero nunca traballou niso. El dicía que non exercía por culpa do seu apelido, non podería poñer na porta da consulta «Mato de 9.00 a 14.00 horas».

Escribiu algún poema no que falase do pobo de Foz?

Si, el escribiu varios nos que falaba de Foz, pero sobre todo de O Valadouro, estaba moi vinculado co pobo da súa muller. Ten unha produción literaria moi ampla. Unha vez, nunha data próxima ás festas do San Lorenzo, escribira neste xornal El Progreso un artigo sobre Foz moi bonito, que lín onte para os asistentes á charla.

Como era o seu día a día no municipio?

Era unha persoa moi entrañable, elegantísimo e moi bohemio. Eu podía entrar na súa casa como se fose a miña. É unha personaxe digna de admirar porque era unha bela persoa.

Quedouse en Galicia durante a Guerra Civil?

Non, tivo que exiliarse a Cuba dentro dun barco que saíu de Alicante. Logo en Cuba escribiu en varias revistas importantes con outros artistas coñecidos que tamén estaban alí.

E cando voltou?

Abandonou Cuba en 1964 para escapar do réxime de Fidel Castro.

Está enterrado o escritor no seu Boiro natal?

Non, está no cemiterio de O Valadouro, nun panteón onde tamén está a súa muller. A verdade é que está moi descuidado o lugar onde está, pero é que el non ten familia no concello.

Garda un grato recordo de Ramón Fernández, non?

Si, tíñalle un gran aprecio, pasamos moitas horas felices e aprendín moitas cousas del.

Que opina das Xornadas de Historia que se desenvolven esta semana en Foz?

Isto é para felicitar á Pomba do Arco, porque é unha asociación que loita pola cultura do pobo, é unha asociación exemplar. Eu creo que as institucións deberían promocionar e dar a coñecer a nosa labor cultural desta forma.

Participara xa noutras edicións?

Si, xa impartin outras charlas outros anos. Son xa dezaseis edicións as que se levan celebrando estas xornadas e nunca se repetiron os temas ao longo dos anos. Sempre son interesantes, supoño que non será fácil nun pobo coma Foz atopar tantos temas.

Comentarios