Ferido grave un veciño do Saviñao cunha motoserra

O home, que estaba torando leña na súa casa de Córneas, sufriu un corte nunha perna e foi evacuado en helicóptero ao hospital
Evacuación do ferido na ambulancia despois do accidente
photo_camera Evacuación do ferido na ambulancia despois do accidente

Un veciño do Saviñao, Manuel L. R. de 66 anos de idade, resultou onte ferido grave ao cortarse nunha perna cando toraba leña cunha motoserra no seu domicilio, no lugar de Córneas, que pertence á parroquia de Vilaesteva. 

O sinistro tivo lugar pouco despois da unha da tarde, o home traballaba coa motoserra no patio da vivenda familiar e, por causas que se descoñecen, a máquina alcanzouno na perna esquerda. Ante a gravidade da ferida os familiares alertaron de inmediato aos servizos de emerxencias do 061 que desplazaron ao punto a unha ambulancia con persoal médico e a un helicóptero. O medio aéreo mobilizouse para axilizar o traslado porque a parroquia de Vilaesteva está a varios kilómetros de Monforte, onde se ubica a base do 061. 

Os sanitarios do helicóptero e os do vehículo prestáronlle asistencia ao ferido no propio patio da casa. O home non chegou a perder a consciencia e, unha vez estabilizado, foi trasladado na ambulancia ata a parcela na que aterrara o helicóptero. Co medio aéreo foi evacuado ata o hospital comarcal de Monforte, onde foi intervido. 

O home non chegou a perder a consciencia e, unha vez estabilizado, foi trasladado na ambulancia

Ao punto do accidente tamén acudiron efectivos da Garda Civil, que colaboraron co operativo, e se encargaron de velar pola seguridade durante as tarefas de aterraxe e despegue do helicóptero. 

Ao carón da vivenda concentráronse varios veciños alertados pola presenza dos medios de emerxencias. Todos lamentaron o accidente e comentaron que manipular este tipo de aparellos conleva un importante risco. 

O pasado mes de abril, unha veciña de A Teixeira, na Fonsagrada, tamén tivo que ser evacuada en helicóptero ao cortarse na cabeza cunha motoserra. Ao parecer traballaba co seu fillo cortando leña cando a alcanzou a máquina. No mes de novembro un mozo que traballaba de peón forestal no Valadouro tamén quedou ferido cando estaba derrubando unha árbore. 

Os expertos explican que se deben extremar as precaucións cando se usan motoserras. Deben ter coidado tanto as personas que manipulan a máquina coma aquelas que se atopan ao seu redor, xa que tamén poder ser alcanzadas.

Comentarios