O fenés Pablo Bouza Suárez gaña o quinto Premio Díaz Castro de Poesía

O poemario ‘Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse’, elixido polo xurado do certame entre unha vintena de propostas, proporcionalle ao autor unha recompensa de 2.000 euros e o ver a súa obra publicada por Espiral Maior
Reunión telemática do xurado do premio Díaz Castro. EP
photo_camera Reunión telemática do xurado do premio Díaz Castro. EP

O V Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía, que convoca o Concello de Guitiriz, xa ten obra gañadora. O xurado escolleu por unanimidade, entre a vintena de orixinais que concorrían nesta edición, o poemario presentado baixo o título Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse, do que é autor o escritor Pablo Bouza Suárez, natural de Fene.

Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e funcionario de profesión, o sucesor de Raúl Gómez Pato, Eduard Velasco, Xurxo Alonso e Xosé Luís Mosquera Camba na convocatoria guitiricense é unha cara coñecida dos concursos literarios, onde leva colleitado numerosos premios, entre eles cinco no prestixoso e veterano Certame Literario de Vilalba. O último deles, Os privilexios dos sonámbulos, foi ademais finalista nos Premios da Edición de Galicia 2014 na modalidade de Mellor Libro de Poesía do ano.

Como recompensa por este novo galardón, Pablo Bouza recibirá un premio de 2.000 euros en metálico, así coma a publicación do poemario a cargo da editorial Espiral Maior, responsable tamén da edición dos catro volumes recoñecidos nas edicións anteriores —a presentación da obra de Mosquera Camba demorouse por mor da pandemia—.

O xurado destacou a "forza das imaxes e a sonoridade da arquitectura dos períodos e das estrofas" da obra premiada

O xurado estivo formado unha vez máis polo editor e escritor Miguel Anxo Fernán Vello, en calidade de presidente, e polo crítico literario Armando Requeixo e pola escritora Ánxela Gracián, como vogais. A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, exerceu como secretaria, con voz pero sen voto.

O xurado quixo salientar "a diáfana construción poemática dun conxunto que se eleva desde a transparencia da voz, a forza das imaxes e a sonoridade da arquitectura dos períodos e das estrofas" da obra premiada, así coma "a habelencia" do seu autor "á hora de incorporar ao discurso propio referentes da mellor tradición universal, desde Valente ata Carver pasando por Wilde ou Schopenhauer".

Así mesmo, os encargados de valorar os poemarios presentados puxeron de manifesto "a calidade de todos eles", o que entenden que "evidencia o estado de magnífica saúde" da poesía, así coma "a simpatía coa que, desde as primeiras convocatorias, está a ser acollido o premio que leva o nome do máis célebre poeta de Guitiriz e un dos seus mellores embaixadores".

Esta boa acollida do certame constatouse ademais nun ano difícil, no que o prazo de presentación de orixinais se suspendeu ao declararse o estado de alarma, retomándose en novembro.

Comentarios