As feiras das San Lucas de Mondoñedo celebran 860 anos con oito días de festa

O cartel desta edición, obra de Xosé Vizoso, representa os cabalos chegando á Praza da Catedral, unha seña de identidade da celebración
Presentación do cartel, no centro comarcal
photo_camera Presentación do cartel, no centro comarcal

As feiras máis antigas de Galicia, As San Lucas de Mondoñedo, celebran este ano o seu 860 aniversario con oito días de festa, entre o 15 e o 23 de outubro. "Aínda nos quedan cousas por pechar, pero manterase a esencia da festa, coa chegada dos cabalos á cidade o dia 17 ou a feira cabalar o 18, con algunha sorpresa coma un concerto inédito nun lugar moi especial o domingo 16 que vai ser moi bonito, pero do que aínda non se poden desvelar máis detalles", explica o presidente da asociación As San Lucas, Miguel Souto, que tamén destaca que Mondoñedo volverá contar este outono con algunhas das mellores orquestras galegas como París de Noia, Combo Dominicano ou Los Satélites. 

Con respecto ás novidades coas que vai contar o programa festivo, Souto adiantou que para abrir os días festivos, a asociación descubrirá unha placa, xusto sobre a Praza da Catedral entre a estatua de Cunqueiro e a do mariscal Pardo de Cela, para recordar o mandato de Alfonso VII de concederlle a Mondoñedo o privilexio de celebrar oito días de feira. "Será o día 15, xusto antes do pregón e queremos facelo nun sitio simbólico que será un pouco como simbolizar as tres etapas que atravesaron As San Lucas: o comezo co mandato real en 1156, unha época de gran esplendor para as ferias nos anos de Pardo de Cela e a etapa máis recente que representaría Cunqueiro", explicou Souto. 

Unha placa recordará o mandato de Alfonso VII de concederlle a Mondoñedo oito días de feira

Para empezar a dar a coñecer esta edición tan especial das festas, a asociación As San Lucas presentou onte o cartel que ilustrará este aniversario, obra un ano máis de Xosé Vizoso. Seguindo a estética característica do artista, representa a chegada dos cabalos á Praza da Catedral, unha das imaxes máis representativas da festa e que cada ano reúne a máis xente na praza. "Quixemos presentalo agora porque hai moita xente de vacacións, ademais esta fin de semana pareceunos ideal porque está a xente de xulio e a que chega para agosto", asegura Souto, que engade que "é importante dar a coñecer esta cita»".

Neste acto de presentación, celebrado no centro comarcal da cidade e que contou coa asistencia de veciños, estiveron ademais do propio Souto outros integrantes da asociación que organiza os festexos e a concelleira Ángeles Rodríguez. "Ata outubro seguiremos traballando para pechar un programa", rematou Souto.

Comentarios