domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

Feira

Estiven na maior feira de Europa. Para min que é tan grande como as San Lucas de Mondoñedo e mesmo coma os Santos en Monterrroso. Nesa feira, ao igual ca no San Froilán, haiche de todo, dende aparellos con brazos que suben e baixan cando menos o pretendes, a postos de tiro ou de venda desas mazás con caramelo que sempre mirei con desconfianza porque brillan como a que a bruxa regalou a Brancaneves.

Na feira na que andei onte había unha cheísima de xente, mesmo árabes e hindúes. As feiras de mercar trangalladas no paran de medrar, pero poucas coma esta. O feirón que montou Disney en París cumpre quince anos e eu cumprín unha promesa paterna levando os cativos. O problema é que pasei moito tempo convencido de que o cerebro de Walt Disney está conxelado nun deserto e o outro día informeime de que non, de que esa crenza era un mito coma os que argallou el cun lápis e un papel: Mickey Mouse, Donald, Goofy,...

Todos eses bonecos poden mirarse nun desfile que pecha a xornada, como se o seu creador nos pasase polo nariz o rico que o puxeron. Cada un fala da feira segundo nela lle foi, e el debeu de falar ben. Tiña eu a esperanza de que o cerebro de Disney puidese ser descrioxenizado, porque daquela habería que ver que feirón armaba cos ordenadores de hoxe en día.

Feira
Comentarios