A Feira do Cabalo de Adai supera as expectativas de equinos e xente

As mostras de doma ateigaron o recinto de público e moitos animais tiveron que quedar fóra

A XXII Feira do Cabalo de Adai superou este domingo todas as previsións e congregou un gran número de persoas e uns 400 cabalos. Ao longo da mañá, xinetes e equinos foron achegándose ao recinto, pero o máximo apoxeo rexistrouse pola tarde, no momento da exhibición de doma, cando o campo da feira se fixo pequeño para acoller a todo o público congregado e os cabalos incluso tiveron que ser amarrados fóra.

Pola mañá houbo concursos morfolóxicos para cabalos e eguas de pura raza galega e cruzados. En cada categoría había catro premios, de 115, 80, 60 e 30 euros, ademais de trofeo e escarapela.

En egua galega, os premios foron para Shakira (Gandeiría Fontenla-A Estrada), Leixa (José Fandiño-Ferrol), Támega (Lino Freire-Oza-Cesures) e Perla I (Costa Blanco-Muras). Os cabalos galegos premiados foron Jalisco (Lino Freire), Caramuxo (José Fandiño), Comanche (Costa Blanco) e Vilarino (Asociación Cabalo Galego).

As mellores eguas cruzadas foron Alba (Dos Hermanos-Monterroso), Jakima (Alejandro Pequeño-A Estrada), Creami Toffe (Miguel Díaz-O Corgo) e Candela (José Vázquez-Baralla). En cabalos, Suavo (Miguel Díaz), Callejero (Lino Freire), Grilo Negro (Gonzalo Yáñez-Lugo) e Carrasco (Miguel Díaz).

Tras a entrega de premios, houbo unha exhibición de doma con exemplares da Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Este espectáculo foi un dos momentos centrais da mañá. A máxima afluencia de xente rexistrouse pola tarde, coincidindo coa exhibición de doma de alta escola, doma clásica, doma en liberdade e fantasías ecuestres.

Comentarios