A Feira do Bonito de Burela repartirá preto de 3.000 kilos de peixe o día 6

O espectáculo de Abba abrirá a cita e pecharana os concertos do Osa do Mar e Astarot
Asistentes á presentación da Feira do Bonito e de Produart, feita no concello de Burela
photo_camera Asistentes á presentación da Feira do Bonito e de Produart, feita no concello de Burela

A Feira do Bonito de Burela, que celebrará o próximo sábado día 6 de agosto o seu 32 aniversario, foi presentada en Burela polo alcalde da localidade, Alfredo Llano, e por Rocío Rivera Seara, presidenta da asociación Ledicia e organizadora do evento. A presidenta de Ledicia destacou que nesta edición se van repartir "preto de 3.000 kilos de bonito, o que farán unhas 4.0000 racións de producto preparado en empanada, cocido e asado" . Cada ración inclúe unha peza de pan, e poderá mercarse por oito euros.

Rivera quixo destacar o traballo dos organizadores e colaboradores, sinalando que «sen eles esta festa non sería posible». Ademais, subliñou o orgullo que supón chegar a este aniversario: "É un orgullo para nós, que un traballo que iniciaron fai tantos anos, acade estas dimensións".

Con respecto ao programa de actos deste ano, Rivera explicou que os actos comezarán o venres, un día no que estará en directo o programa da RTVG ‘A Tarde’. Para esa primeira xornada está previsto o musical ‘Abba The Gold Experiencie’, en colaboración coa delegación de cultura do Concello. Xa o propio sábado volverá celebrarse o descenso de carrilanas pola rúa Eijo Garay, así como a recepción ás autoridades e convidados no barco-museo Reina del Carmen. Será neste acto cando se faga o nomeamento do Asador Maior, que este ano é Servando García Ben, e da Colaboradora de Honra, que é Salomé Gómez Fernández.

Seguindo co programa, a lectura do pregón ás dúas e media da tarde e a continuación xa se empezarán a repartir as racións de túnido de xeito continuado ao longo de todo o día. A organización volveu destacar o reparto de racións sen gluten, elaboradas coa colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia. Precisamente en colaboración con eles, elaborase un obradoiro de cociña sen gluten e xogos e actividades infantís.

A música correrá a cargo de DJ Chente na sesión vermú e pecharán o día os concertos de presentación do festival Osa do Mar -Best Boy e Sexy Zebras- e o concerto de Astarot, organizado pola delegación de cultura.

O rexedor burelés destacou do evento que " é unha cita que cada ano adquire máis importancia. A cita vólvese un referente tanto na comarca, como na provincia e fóra da comunidade". Llano, aproveitou ademais, para deixar constancia do valor da marca Bonito de Burela, sinalando que este « é un peixe pescado de forma artesanal, con garantía de ser un bo peixe e de ser do noso porto».

Comentarios