sábado. 22.02.2020 |
El tiempo
sábado. 22.02.2020
El tiempo

A feira de Santos converte Monterroso no máis completo centro comercial

Os produtos cárnicos e de tempada tiveron boa saída, pero houbo poucas vendas de gando ► Os estudantes aproveitan a tradición para recadar fondos para as súas actividades

Monteroso convertiuse este domingo, como cada 1 de novembro, no maior centro comercial de Galicia. Custa imaxinar algo que non se puidese mercar nesta localidade e o ambiente agradable da xornada axudou a atraer visitantes, que se contaron por miles.

Neste peculiar zoco, os clientes desfrutaron dunha xornada de sol radiante que animaba a pasear entre os postos, a pararse a estudar a oferta, a asombrarse con produtos novidosos que cada ano se suman á feira e a deleitarse cos xa tradicionais froitos do outono e da matanza, o principal atractivo.

Os compradores non tiveron que soportar a música repetitiva que caracteriza as grandes superficies comerciais, fixeron a compra ao ritmo que marcaron os músicos da asociación Falcatrueiros, que tamén instalaron o seu particular espazo de ‘photocall’ para que quen o desexase puidese fotografarse cun traxe tradicional.

Os rapaces do colexio e o instituto aproveitaron tamén que a vila se enche de xente para recadar fondos para as súas actividades. Uns axudaban a estacionar vehículos e outros vendían doces na feira, emulando os vendedores tradicionais e sen dubidar en berrar para chamar polos clientes.

O prezo das noces baixou porque hai abundancia e o das castañas mantívose, aínda que son mellores que en tempadas pasadas

Os rapaces de Monterroso contan con bos mestres para iniciarse na arte da venda. Ano tras ano teñen ocasión de observar os vendedores tradicionais e o seu bo facer. O segredo para que o cliente os busque entre tantos outros ano tras ano é só un: "Ofrecemos bo produto e quen compra volve porque queda contento", resume unha das vendedoras que case non lembra cando foi a primeira vez que foi á feira de Santos.

As castañas e as noces son as protagonistas da tempada. Este ano as nogueiras deron moito e o prezo do produto baixou. As castañas mantiñan a cotización, pero son de mellor calidade que outros anos, tanto en opinión de compradores como de vendedores.

Os produtos cárnicos non xeran dúbidas. Son caseiros e hai variedade para todos os gustos. "Todo o que temos é feito por nós, fixémolo para a casa e agora vendemos o que nos queda para facer sitio para a nova matanza, que xa logo vén", explica unha das vendedoras, que herdou o hábito da súa nai.

Queixo, pan, mel, allos, bacallau, froitas e roscas comparten protagonismo coa roupa, as flores, aves, porcos, coellos, cans, artesanía e ducias de produtos máis que se distribúen ordenadamente nas rúas de Monterroso cada 1 de novembro.

A nave do mercado gandeiro está reservada para vacas e cabalos. Ao contrario que os vendedores do centro, estes non quedaron satisfeitos. Á hora do xantar, cargaban os camións de volta con gran parte dos animais que levaron á feira. "Vendeuse moi pouco, hai moita crise", comentan. Aínda así, din que van voltar o próximo ano. "Veño sempre e traio o fillo para que me axude", apunta un gandeiro que valora a tradición máis que os resultados.

A feira de Santos converte Monterroso no máis completo centro...
Comentarios