A Feira de Artesanía de Vilalba, interactividade para transmitir tradición

O Concello asegura que o evento terá continuidade, logo da boa acollida por parte do público e da implicación dos expositores
A pequena Marta axudándolle ao ferreiro Víctor Uriz a facer o seu cravo
photo_camera A pequena Marta axudándolle ao ferreiro Víctor Uriz a facer o seu cravo

A I Feira de Artesanía de Vilalba tiña un propósito, xuntar nun mesmo espazo representantes de distintos oficios e artes, que poidesen amosar en vivo a manufacturación de cada unha das súas creacións e tamén chegar a implicar a xente nese proceso. Obxectivo cumprido: o público respondeu e as valoracións dos expositores van do "ben" ao "perfecto".

"Hai xente que descoñece como se fan algúns produtos e aquí poden descubrilo, poden ver que o que vendemos como feito a man realmente o é e ata hai talleres para probar a facelo un mesmo", explican as mozas guitiricenses de Lucecús, un obradoiro de feltro e amigurumi, encantadas con esta primeira feira vilalbesa.

"Os talleres atraen á xente, máis acostumada a feiras máis estáticas, vese que interesa e iso é importante", engade Iria Pigueiras (Imavi), cuxas xoias artesanais espertaron a curiosidade dos visitantes. Tamén o fixeron os cestos de José Torres, que tivo varios nenos aprendendo, ou a forxa de Víctor Uriz, ferreiro de Guntín que loita, dende o Consejo del Hierro, para que non se perdan os saberes deste oficio. E para espertar o interese das novas xeracións, sempre busca aprendices nas feiras, aos que lles axuda a facer un cravo que despois poden levar de recordo.

"Hai feiras que levan moitos anos e non teñen este poder de convocatoria" , dicía o artista Manuel Fernández Modia

Outra lembranza que quedará da cita, neste caso no propio Concello de Vilalba, é o corazón cesteiro interactivo feito polas mans de moitos dos que pasaron pola Praza da Constitución, impulsado polo colectivo lucense As Espigadoras, un grupo de mulleres artesás e artistas interesadas na etnografía, na cultura tradicional ou na cosmética natural, que promoven a transmisión destes coñecementos con obradoiros ou a publicación de contos interactivos infantís.

"Hai feiras que levan moitos anos e non teñen este poder de convocatoria" dicía noutro dos stands o artista da madeira friolés Manuel Fernández Modia, mentres na tenda de roupa infantil vilalbesa Maymar, que acudiu con pezas de feltro ou gomaeva, salientaban que "hay encargos y se compran cositas", ademais de agradecer as novas iniciativas impulsadas dende o Concello "para que Vilalba se mueva".

Esa constante afluencia de público, a curiosidade da xente por cada un dos oficios presentes ou o respecto amosado polo traballo da vintena de artesáns presentes son algunhas das notas positivas que destaca o Concello á hora de facer balance da feira, unha proposta que "terá continuidade".

"Temos que agradecerlles aos artesáns que participaron a súa profesionalidade, estiveron traballando os dous días, amosando o seu labor" precisan, incidindo en que ese foi un dos aspectos que máis valoraron os asistentes, entre os que houbo veciños, visitantes e ata peregrinos, que aproveitaron a oportunidade para coñecer un pouco máis da cultura galega.

Comentarios