Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Feijóo erixe o galego como "punto de encontro" e a Manuel María como "tertuliano" co "don da palabra"

Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención na homenaxe a Manuel María
Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención na homenaxe a Manuel María

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lembrou este martes que a lingua galega é "un códice vivo escrito por todos" e destacou a importancia de erixilo en "punto de encontro", á vez que lembrou o traballo do poeta Manuel María en relación á "cultura oral" e definiuno como un "tertuliano" co "don da palabra".

Así o remarcou durante a súa intervención na localidade lucense de Outeiro de Rei no acto institucional de homenaxe a Manuel María, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Ao acto, que tivo lugar no CEIP Laverde Ruiz, acudiron, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices.

O presidente galego centrou o seu discurso no idioma galego como ferramenta para "superar fronteiras xeracionais e ideolóxicas" e destacou a súa capacidade para cohesionar ao territorio. "A lingua sempre une, porque é o resultado do uso continuado que fai dela un pobo", dixo Feijóo, para quen constitúe algo "escrito por todos e que ninguén pode roubar".

Nesta liña, Núñez Feijóo lembrou a figura de Manuel María como poeta, dramaturgo, escritor, guionista e "militante de moitas causas", pero, "sobre todo, tertuliano". "Tiña o don da palabra e cultivaba esa cultura oral na que sempre se distinguiron os nosos creadores", apuntou o xefe do Executivo galego.

Fronte aos autores clásicos "solitarios", Feijóo destacou na biografía de Manuel María os "fitos marcados polos faladoiros máis singulares da época".

"Atrévome a suxerir que, se a Galicia de hoxe é un fogar de todos e para todos, débese á semente que se plantou neses faladoiros", apuntou, tras definir ao autor homenaxeado como un "home de amigos".

Entre outras cuestións, o presidente galego fixo mención á "diversidade ideolóxica" que reinaba naqueles faladoiros e á "capacidade comunicativa" dos seus integrantes. 

De feito, puntualizou que a lingua "servía entón como punto de encontro" e segue constituíndo a día de hoxe o "fío" que fai de Galicia "unha comunidade". 

Como exemplo, lembrou a "convicción nacionalista de Manuel María" e a "tendencia conservadora" de Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado nas Letras Galegas de 2015. "Os dous son afluentes do gran río que é a cultura galega. Ambos contribuíron a que o noso idioma estea presente no mundo, facendo patente nosa maneira de ser", resumiu Núñez Feijóo, para quen, sen algún dos dous, "Galicia sería máis pequena".

Feijóo erixe o galego como "punto de encontro" e a Manuel María...
Comentarios