Feijóo e a oposición lamentan a perda "de quen tanto fixo por Galicia"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu o pésame polo óbito de Xosé Neira Vilas, de quen destacou a "franqueza da súa obra e a bondade da súa persoa" posto que "o pai de Balbino é un home do que todos herdamos unha Galicia mellor, máis libre e orgullosa de si mesma".

Tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordou que sempre estaba acompañado por xente que o apreciaba de verdade e que mantivo unha intensa actividade ao longo do tempo, na que non desfaleceu.

PSOE: "QUEN TANTO FIXO E FARÁ POLO GALEGO". Desde a oposición, o PSdeG, o BNG e AGE expresaron este venres o seu pesar e recordaron e eloxiaron a súa figura e o seu compromiso coa cultura galega. Neste sentido, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, recordou que moitos galegos accederon "por primeira vez á literatura galega" da man de Neira Vilas e a súa obra Memorias dun neno labrego, "na que moitos se senten reflectidos".

Por iso, lamentou o falecemento de "quen tanto fixo" polo idioma galego e que aínda "achegará" á literatura e á historia galega no futuro, algo do que todos deben estar "profundamente orgullosos". 

BNG: "CONTAXIOU O AMOR Á TERRA". Pola súa banda, o BNG lamentou tamén a morte do escritor que "contaxiou o amor á terra e o orgullo" polo galego e que mantivo "durante toda a súa vida unha defensa inquebrantable da lingua en que se criou". O Bloque destacou que o autor deu protagonismo literario "á xente da aldea", que defendeu "a dignidade do rural" e se identificou como poucos "co pobo ao que fixo singular destinatario da súa obra". 

"A Neira Vilas debémoslle levantar acta da memoria da emigración e o exilio en infinidade de páxinas, que nos legou para o inmenso labor que supón a recuperación da nosa propia historia", explicou o BNG.

AGE: "UNHA DAS VOCES MÁIS PODEROSAS". Finalmente, Alternativa Galega de Esquerda (Age) asegurou que "a palabra do pobo galego" perdeu este venres "unha das voces máis poderosas" da súa historia, a de Neira Vilas, cuxa literatura "forma parte do patrimonio cultural".

Por iso, ademais de evidenciar a súa "tristeza" polo falecemento, Age quixo reivindicar, a través dun comunicado, "a firme defensa e o compromiso cos valores que incardinaba a figura de Neira Vilas".

Comentarios