A fascinación pola contundencia e a voz de Isidro Novo dá pé a un estudo

Carlos Gegúndez, José Luis Calvo, Isidro Novo e Eduardo Esteban (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera Carlos Gegúndez, José Luis Calvo, Isidro Novo e Eduardo Esteban (Foto: Xesús Ponte)

José Luis Calvo confesa que unha das primeiras cousas que o impresionou de Lugo non foi unha paisaxe, como adoita, senón un son. O escritor e investigador ovetense arribou á cidade en 1989, pero tomou conciencia físíca cinco anos máis tarde, na Noite dos Tolos, a celebración que organiza o club Clavicémbalo.

Naquel evento, sentiu un recitado telúrico de Isidro Novo; «impactáronme a contundencia da súa voz e a forza das súas imaxes». Aínda lembra o título do poema que estaba lendo o poeta, ‘Crise’. A partir de aí entrou en contacto, unha canda outra, coa persoa e coa obra.

A fascinación foi medrando e encauzouse nunha reflexión que quedou plasmada en ‘Xograr da gravidade’, que Calvo presentou onte xunto co autor estudado e Carlos Gegúndez en Lugo. O experto asegurou que o título está tirado dun poema que dedicou a Novo en ‘Definitivo territorio’ -«un libro dedicado a Lugo»- e que fai referencia ao escritor «como xograr moderno e que ten gravidade por esa contundencia da súa voz e esas imaxes pouco comúns».

O volume está composto por unha explicación de motivos e intencións, que dá paso a un perfil de Novo, unha análise da súa obra poética e unha recompilación da súa bibliogradía e de textos nos que se lle analiza a escrita.

Como extras, o libro incorpora unhas ilustracións de Bruno L.R. e un «rescate» de Antonio Novo, «un curmán de Isidro Novo, que decidiu abandonar a vida con 17 anos e que era un poeta excepcional».

José Luis Calvo definiu a lírica de Isidro Novo como «un reflexo da desgraza humana», pero, a diferenza da visión opaca do parente, «sempre amosa un atisbo de esperanza». Reiterou que «trata temas moi duros, fai crítica social, pero o lirismo sempre está presente».

A seguir citou ao poeta analizado para exaltar que «a poesía é a grande emoción», unha idea que lle valeu para anotar que «ten que existir esa beleza que sae do home, que aínda que escriba unha poesía dura, como no caso de Isidro, ten unha noción de canto musical, como acontecía con Neruda ou con Celso Emilio».

Isidro Novo recoñeceuse «abafado» pola xeira de José Luis Calvo e «abrumado» porque ten conseguido ofrecer en ‘Xograr de gravidade’ unha concepción da súa obra «moi parecida» á que ten el, sobre todo, na súa consideración da poesía «coma a magna arte». «Como poeta non son prolífico porque me dedico con devoción a cada libro», afirmou o escritor.

A poesía de Isidro Novo é un «reflexo da desgraza humana, pero sempre amosa un atisbo da esperanza», di Calvo

Comentarios