Fartura de clichés

POSIBLEMENTE O FEITO de que nunha serie norteamericana de éxito, que se desenvolve en Nova York, aparecera un membro da policía autonómica catalana, deberia excitar o orgullo daquela comunidade. Pero sucedeu que a ristra de tópicos e lugares comúns, que soen formar parte do tratamento cinematográfico a respeito de outros paises, fíxose notar coa argallada de decorar o consulado español ao xeito da facenda californiana de don Diego de la Vega, o protagonista de outra coñecida ficción, ‘El zorro’, co ingrediente no vocabulario de paellas e refráns e con música de fondo de guitarra. Ocorre que tais tipismos non teñen ren de cataláns e, segundo informan os periódicos, na versión orixinal tampouco o idioma o ten, pois que o suposto policía fala cunha mestura de acento cubano ou mexicano.

O certo é que para a mentalidade americana común, ten que resultar moi complexo comprender que Europa é unha especie de imenso mosaico político, e xa non digamos que cada país está integrado por naciónalidades e rexións, que contan coa sua propia historia, cultura, língua e tradicións e, a maiores, con clichés, esquemas, fórmulas, e tópicos en suma, de uso moi común e que tamén recollen os filmes españois. Con todo, que os guionistas dunha serie norteamericana de difusión mundial, incorporen como protagonistas aos Mossos d’Esquadra, non deixa de ser un importante avance. Que non fosen quen de imitar o acento, e o homologaran co propio do Caribe, e que na versión española tiveran o descuido de non corrixilo, non lle resta importancia á orixinal e singular incorporación da persoaxe, de nome Héctor Vargas. E postos a buscar precedentes peores, está o sonado caso dun capítulo do mañoso Mac Gyver, no medio dunha exótica e vizosa natureza vasca onde viven en montesías cabanas de madeira uns paveros paisanos, de boina calada, que teñen secuestrada a unha xeóloga, ainda que o protagonista explica que aquela xente dificilmente sería quen de diferenciala dunha física nuclear.

Unha cousa tal non poderia darse no noso caso, pola sinxela razón de que Galiza non dispón dun corpo policial propio, pero seguramente poderiamos homologarnos cos cataláns en canto ao acento característico, co cal agora estariamos laiándonos de que o trabucasen co dos ciudadanos de Puerto Rico, na versión orixinal e quizais co andaluz na dobraxe. E vaite ti a ver se para moitos o que realmente causaría bóchigas é que nos confundisen cos irmáns portugueses. Ainda que nesta materia hai verdadeiros achádegos, como o acento cubano co que os dobradores pretenderon caracterizar a entonación sureña dos esclavos negros, en ‘Foise co vento’, ou sexa a famosa ‘Gone with the wind’ de hai case tres cuartos de século. Á par dos actores e das frases míticas e da música de Max Steuer, está o característico falar de Mammy, a criada da protagonista, que interpretou Hattie McDaniel, pero tamén magníficamente dobrada.

da capo

Comentarios