A fame morde aos nenos

SE ALGO caracteriza á vella Europa é a democracia e o estado social, mal chamado do benestar, ameazadas polos donos dos cartos e os seus capataces, a sinistra troika: FMI, BCE e CE. Son conquistas que se están a perder en España onde temos xa dous millóns douscentos mil nenos baixo o umbral da pobreza. Ou da fame. Por non falar deses 133.000 nenos somalís asasinados en ano e medio pola especulación no prezo dos alimentos que dita a bolsa de Chicago. Portugal, condenada ao pozo da débeda externa eterna paga oito mil millóns en intereses e dedica a penas seis mil millóns á educación e seis mil douscentos millóns á sanidade. A fame, como as cobras, só morde aos que van descalzos. Nenos lusos chegan ao colexio coa mochila chea de libros e o bandullo baleiro: se o cerebro non recibe alimento, que aprenderán? Moitos nenos e adolescentes portugueses prefiren comer a diario unha mestura de fame e dignidade para non someter á mirada doutros a indixencia das familias. Miles deles, fillos da clase media, sofren desmaios porque non comen: a troika saqueou antes as despensas das casas. Fame nas escolas, fame nas casas. Xa non se trata de que quiten unha carreira, trátase de comer, dereito fundamental que Europa nega aos nenos. Estamos a perder as xeracións máis preparadas da historia e negamos o futuro aos que veñen detrás, privándolles non xa da formación, senón da supervivencia.

Esa política económica cruel abre unha fenda entre norte e sur, pero tamén dentro das sociedades. España é hoxe o país máis desigual de Europa. E máis pobre, insolidario, inxusto. A illa de benestar blindado do norte non pode ser allea a esta traxedia. Ningún muro de Berlín vai frear aos famentos. E cos gromos verdes de gobernos mentireiros non se fai a cea. Hai menos riqueza en Europa? Que gobernos sen alma son estes que condenan á fame aos nenos para cumprir obxectivos de déficit? Que sistema económico é este que fabrica pobres a un ritmo descoñecido ata agora? Que austeridade criminal é esta para que a fame medre exponencialmente? Que Común-Unidade é esta onde a política xa non están nas mans dos políticos nin da democracia. O poder escuro que decide non se presenta ás eleccións nin da contas ao pobo. Os políticos nin saben nin queren enterarse do que acontece nas rúas blindando con policía os teatros da soberanía popular.

Estafas bancarias, desafiuzamentos, paro, todo o que tortura a xente é invisibilizado, as pancartas borradas e os berros acalados. Nunha beirarrúa está a política canalla, a auteridade que mata, os cans da cobiza que comen o pan dos nenos. Noutra, os cativiños portugueses que na escola tentan encher o cerebro co estómago baleiro. A fame que sementa a troika morde aos nenos.

Comentarios