A fame e a dentamia

LEMOS UNHA longa entrevista co autor dun ensaio sobre o ‘surdimentu’ da literatura en asturiano. Realmente trátase dunha tese de doutoramento, que ten a particularidade de que se edita en bable, ainda que, significativamente, a conversa co autor prodúces en castellano. A máis que casual coincidencia entre o termo que utiliza o autor co rexurdimento do noso país, podería levarnos a conclusións precipitadas e, xa que logo, erróneas. Aquí, ao decir do autor. o ‘surdimentu’ prodúcese logo da ruptura coa tradición popular e rural de estilo e vocación, que embeben a curta historia impresa da creación autóctona asturiana. As diferentes etapas deste renacer prodúcense despois dunha creba, realmente recente, en termos de historia literaria. Por avanzar polo atallo, nada ten que ver o fenómeno co caso galego, como pode quedar de manifesto cun repaso pola tona, do indice da historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carballo Calero: o romanticismo, o rexurdiemento, os diácodos, os epigonos, a literartura postrenacentista, a época das Irmandades, o grupo Nós, os novecentistas, os tempos do Seminario…

Por outra banda, estes autores asturianos son de orixe xeográfico central dentro da comunidade, e urbano -segundo nos din-, ao tempo que construiron un modelo de ‘idioma referencial moderno’ que serve para ‘curar moitos dos males que padecia a llingua’; non en van, seica, a maioría están vencellados ao ensino e de aí a sua función como codificadores. En fin, lonxe de nós o papel de emulador das bíblicas trompetas que esnaquizan murallas, e ainda coa precisión de que sabemos do libro por unha entrevista, quizais a distancia entre o público e os creadores, no seu caso, isto é a apreciación dunha alta porcentaxe da poboación de que se trata dunha fala artificial e un tanto vertolán, non deixe de ter o seu ponto de razón. Téñase en conta que este tipo de imputación tamén a soportou o galego, ainda que a sua presenza no ensino e nos medios contribuiu a variar radicalmente tal situación.

Proscribiuse o termo bable e substituise polo de asturiano, ao tempo que se afirma que a comunidade é unha realidade plurilingüe, facéndose unha chamada á comprensión e reclamando o direito de cada quen a se expresar na sua lingua. Mais hai un feito, a existencia do galego na comarca occidental do Principado, que reivindican ciudadanos asturianos contra do que se teñen decretado as mais variadas pauliñas, entre elas o feito mesmo de negar a sua existencia como tal, asimilándoo a unha variante do bable.

Ben están as reivindicacións e os requerimentos, pero logo resulta preciso contar cunha serie de elementos moi difíciles de improvisar. Non sei por qué, todo isto lembroume aquilo que decia Bismarck sobre as apetencias territoriais italianas: un país con bon apetite, pero mala dentamia.

Comentarios