A fame é cousa das ONG

Cada paso atrás do Estado obriga ás beninteNcionadas ONG a dar un paso adiante. Case todo o mundo sabe que ONG significa organización non gubernamental pero moitas son moi gubernamentais e dependen dos cartos públicos.

Cantas hai? O número é incerto pero en España pode ir de 3.000 a 15.000, segundo o Informe sobre o 3º sector en España. E iso significa moito poder e moitos cartos dos que dedican ata o 25% en manter infraestuturas propias. E un efecto perverso: hai ONG que naceron para axudar e ao final terminan vivindo das axudas. Recórdese a crise de Ruanda, onde como paracaidistas apareceron 500 ONG das que despois pouco se soubo. Cada día aparece algunha nova porque cada día xorden problemas que o Estado abandona.

Velaquí un goberno que delega a xustiza nas ONG. Velaquí unha oposición socialista á busca da lampada de Aladino e iso que non tería que ir lonxe: os sagrados principios da Revolución Francesa, liberté, egalité, fraternité poderían darlles algunha pista pero, ai, escolleron a ortodoxia cruel dos Mercados que queren pouco Estado pero precisan da vaselina das ONG. O sistema económico imposto polo matonismo neoliberal hexemoniza o poder no mundo. Os dereitos humanos teñen prezo nas multinacionais e a vida de millóns de persoas dependen das ONG. Hai un neniño con malaria, con diarrea? Non hai problema: co custo dunha chamada telefónica poderá ser vacinado. Pero cando hai millóns de nenos condenados só a política está por riba das boas intencións. A xustiza dignifica, a esmola humilla e nada resolve.

Aquí, recorda o Ine, o 21,6 por cento dos españois vive na pobreza. O Estado ten a chave da despensa pero a comida hai que buscala nos contedores de lixo e nos bancos de alimentos. Éche unha comida que sabe a esmola e, sen os ingredientes da dignidade humana, todo vai collendo a cor sepia da caridade.

O goberno recorta salarios. Aínda máis. Recorta axudas á dependencia e ao desenvolvemento. Aínda máis. Recorta prestacións sociais e axuda a parados. Aínda máis. Baixa os impostos pero só aos máis ricos. E aos traballadores que fan cola no banco de alimentos, Sandro Rosell presidente dunha patronal moi subvencionada con cartos públicos, aínda quere abrirlles un burato máis no bandullo.

A marca España é esta vergonza, esta miseria moral que mantén os soldos máis obscenos aos directivos do Ibex, 2,5 millóns de euros ao seleccionador de fútbol e tentaba premiar con 720.000 a cada xogador polo trunfo en Brasil.

A outra cara son os nenos con fame, esa canallada. Por iso cómpre invisibilizalos non abrindo comedores escolares no verán. Que fagan cola nos bancos de alimentos e nos contedores de lixo. O goberno vai financiar Cupcakes para Nenos, Meniños Felices sen Fame, Sorrisos de Leite. Porque a fame é cousa das ONG.

Comentarios