Facer amigos na mesa

BOTAMOS O DÍA convencendo aos meniños de que teñen que aprender a comer sós e logo evitamos facelo nós. Cando nos toca xantar en solitario, adoitamos recorrer ao móbil, ao xornal ou mesmo ao televisor portátil para mirar a serie 'The wire' en copia legal mentres mastigamos. Semella que non sabemos gozar da comida senón somos continuamente interrompidos pola conversa de outro comensal.

José Martí, o promotor do Partido Revolucionario Cubano, aseguraba que «comer só é un roubo», no senso de que había outra persoa que se perdía ese pracer. Martí gardaba na cabeza unha cartografía gastronómica de Nova York, sabía os húngaros ou hindús da cidade, e aqueles restaurantes coa mellor relación entre carta e prezos.

Polas imaxes que lle mirei, Martí era todo menos un milhomes, o que confirma a sona de que se alimentaba con catro bocados de cada prato. Non aturaba comer sen compañía, polo que a súa constante indagación sobre os mellores cociñeiros da cidade debía de vir motivada pola procura de agradar aos seus acompañantes.

Eu prefiro comer só, é o único xeito de concentrarme no que estou facendo. Evítame explicar a outro comensal que ignoro os motivos polos que non hai maridaxe entre Mourinho e o triunfo, nin que carezo dunha opinión formada sobre se Ana Belén estricou a pel da cara nun número inferior ou superior de ocasións a cinco. Prefiero pensar no prato de callos que teño dediante, sinceramente.

O acto de comer ten, para moitos, a vantaxe que lle atopaba Woody Allen ao sexo, sobre o que loubaba de que «coñeces xente». Ás veces un prefire a abstinencia  Hai unha chea de anos, entrei ao Cotá, nunha ruela que se aparta da rúa dos viños de Lugo. O local tiña un número contado de mesas e estaban todas ocupadas, varias con comensais solitarios. O camareiro convidoume a sentar onda un velliño vestido de negro. Retruqueille que viña aledar o padal cos deliciosos callos que se cocen no local, pero non facer amigos. Como non aceptei ocupar aquel medio metro cadrado co señor escuro e non se me ofreceu alternativa, marchei.

Os callos hai que comelos en solitario, con atención devota. En Montevideo probeinos unha vez con esa actitude entregada. Mondongo, dinlle alí. A cazola de mondongo é un prato habitual na invernía uruguaia. Alí acompañan o estómago de vaca con arroz descascarado, pataca, cebola, allo e tomate.

Despois de rexeitar a solución habitacional que me propoñían no Cotá, xa noutro restaurante, acordei desa cazola de mondongo. O caso é que, sentado na nova mesa, arrepentinme da arroutada: probablemente non gozaría dos callos, pero estou certo de que aquel home de loito tiña ben de cousas que aprenderme sobre a vida, e poida que tamén sobre callos. Mesmo cabía a posibilidade de que fose un emigrante a Montevideo, retornado. Buf! Debería mirarme a teima de xantar en solitario.

Comentarios