Facenda son os parvos

'FACENDA SOMOS todos’ di o eslogan benintencionado desde 1977 cando o capaz e intelixente ministro Fernández Ordóñez modernizó o noso sistema fiscal para adaptalo á democracia e á Europa. E agora, os que nada entenden de macroeconomía pero si e moito de oikonomía, que vén sendo o goberno da casa, saben que isto da facenda pública é cousa de parvos. E dicir, deles.

Porque resulta que os asalariados pagan o 90% da recadación anual do IRPF. E saben que da riqueza que produce o país quedan só co 50%, aínda que os seus lombos soportan o 80% da carga fiscal. E saben moi ben que co seu soldo compran pan, gasolina, cine, calefacción, libros ou zapatos masacrados cun Ive cada vez máis alto, cousa que non fan os cartos máis sucios cando viaxan a Suíza. Soportan pois a maior parte do IRPF e do IVE.

Con Ive ou sen Ive? pregunta o fontaneiro, e cando vas contestar acórdaste dos que teñen a obriga moral de facer pedagoxía política, de seren espello ético desde os seus altos cargos, e só ves titulares de podremia moral, de devastación económica, de mafiosos sambesugas do público, de corrupción impune.

Non, a xente non sabe moito dos grandes agregados macroeconómicos pero tiña a sospeita, agora a certeza, de que España ten un sistema fiscal inxusto, ineficiente e pouco equitativo. O Eurostat, que si sabe de números, di que estamos á cola de ingresos tributarios con oito puntos de diferencia por debaixo dos países máis equitativos. Eses oito puntos son 85.000 millóns de euros, abondos para termar do minguante estado do benestar e para tapar o xigantesco burato negro da débeda externa, froito do rampante déficit público.

Facenda somos todos!, pero o eslogan só é cinismo e sarcasmo dos saqueadores. Porque nesa facenda de todos faltan os defraudadores, as grandes multinacionais que fan negocio aquí pero pagan impostos, poucos, fóra. Faltan os ‘enxeñeiros’ fiscais que tendo moito coñecen as fendas do sistema para pagar legalmente pouco. Falta moita fauna de moral distraída. Porque non se pode entender que os que viven do seu salario declarasen en 2010 uns ingresos medios de 19.265 euros anuais, mentres que empresarios e profesionais liberais declararan 8.137 euros. Non, non limos mal a frase anterior; os traballadores declaran o dobre que os empresarios: o mundo ao revés.

Así que os traballadores que comen o seu pan coa suor da fronte declaran máis gañancias e tributan moitísimo máis impostos que empresarios e profesionais. Soportan sobre os seus lombos a xigantesca lousa da Facenda pública. E descobren cada día, nos titulares dos xornais, nas voces da radio e nas portadas das televisións que non, que Facenda non somos todos. Que Facenda son os parvos.

Comentarios