Facenda somos todos, menos o fútbol

CANTOS máis millóns no peto, máis capacidade para incrementar a opacidade fiscal, pero ultimamente algunhas fortunas que cotizan no país reciben talladas da Axencia Tributaria para satisfacción de cantos cunha nómina teñen escasa posibilidade de defraudar. Amancio Ortega, o terceiro home máis rico do mundo, ten que pagar 33 millóns a maiores, e Leo Messi, o mellor xogador do planeta, achega uns 19 millóns para quedar a ben co fisco. Pero onde os inspectores aínda non entraron foi nas débedas dos clubs de fútbol a pesar de que segundo o último reconto é duns 664 millóns, Barça, Madrid, Athlétic e Osasuna á parte por estar noutro réxime. Non entendo esta permisividade co mundo do fútbol que non para de engordar unha burbulla que cando estoupe pode ser aínda peor cá inmobiliaria, porque se a este país entristecido se lle quita este deporte pasaría á depresión máis absoluta.

Comentarios