Facciosos e división social

Miñas queridas donas e meus prezados señores, a que están a montar algúns circos mediáticos madrileños. Seica ofendidos coa opinión conxunta de doce xornais e varias radios catalás a prol do modelo de convivencia deseñado no ''Estatut'' do 2006 (aprobado, non o esquezamos, polos Parlamentos catalán e español e pola cidadanía de Catalunya), mesmo chaman por intervencións alén da legalidade democrática. Con razón o ''president'' Jordi Pujol, co humor que abrolla do seu ''seny'', manifestou ''cómpre acatarmos a sentenza do Tribunal Constitucional, non vaia ser que manden  por nós á Garda Civil''.

E, outravolta, volvo lembrar a frase fulcral de Suso de Toro no 2003 ''a política española é un xogo de caloteiros con cartas marcadas e ases na manga''. E matino sobre como determinados medios de comunicación de Madrid crearon dende hai menos de doce anos este clima de división social de radiopredicadores e opinadores  facciosos que arestora colonizan variadas TV temáticas, arredor de debates entre individuos que pensan igual e que só acertan a insultar á diferenza galega, catalá ou vasca e chamar pola máis salvaxe recentralización. E non pensen que faltan galegos nesas tertulias, opinións, debates e páxinas, non señor. Porque sempre hai quen prefira rirlle as grazas a uns Losantos ou Vidal ou quen crea que ''el gato al agua'' é un programa de tv digno dese nome.

Todo lles vale para tentar separar, para sementar as xenreiras por España adiante. Os mandilóns das galescolas, a letra pondaliana do noso hino nacional, que o Dépor gañe a Copa do Rei, que o Barça gañe a Liga e a ''Champion''. Mesmo a propia Esperanza Aguirre chegou a lle dicir a algún empresario galego que ''fose vivir a España'' e non dubidou de se felicitar que o capital de Unión Fenosa ficara no 2005 ''en España''.

Por iso son facciosos. Porque viven da división social. Dividen primeiro, fidelizan despois á súa facción e serven de coro a aqueles que queren que todo o poder social, económico e político (dende as leis, até as Caixas ou as superficies comerciais) veña ser mangoneado dende despachos próximos a esa Castellana que, maila que lles pese, cada vez está máis lonxe de ser o centro do mundo.

Comentarios