''Ser un corredor gallego en un equipo gallego implica que los seguidores gallegos se sientan identificados''

ezequiel mosquera portada.jpg
photo_camera ezequiel mosquera portada.jpg

Ezequiel Mosquera (Teo, 1975) é o mellor ciclista galego da actualidade. Despois de dous anos quedando ás portas do podio na Volta a España (5º no 2007 e 4º no 2008), nesta edición tentará o asalto definitivo para inscribir o seu nome con letras de ouro na historia desta carreira. Ao corredor do Xacobeo Galicia non lle falta nin motivación nin ambición.

Pregunta:
A piques de que comece a Volta a España, como te atopas de forma?

Resposta:
Ben. Eu creo que estou mellor que o ano pasado, no sentido de que no 2008 cheguei máis curto de forma e tiven que apertar máis. Este ano cheguei con máis marxe de mellora e dediqueime a descansar máis, a facer os exercicios de aptitude e realizar menos adestramentos de intensidade. As sensacións son mellores, pero veremos logo na estrada.

P: Álvaro Pino dixo que este ano hai que buscar o podio e que non descarta ningunha posición. Despois de dous anos ás portas, veste preparado para logralo?

R: Hai que saír con esa idea. Cos pés no chan, pensando que non é moco de pavo porque son 21 días de competición. Hai que ter ambición e saír a buscar estar o máis arriba posible. Despois, a estrada pon a cada un no seu sitio e veremos. En ciclismo os prognósticos serven de pouco e os anos son todos distintos.

P: O director tamén incidiu na loita por gañar etapas. Despois de que o lograse David García na pasada edición, hai menos presión dentro do equipo con respecto a iso?

R: Creo que a presión é a mesma. Temos corredores para estar aí en tódolos terreos. Levamos un bo equipo e para gañar etapas quizais o máis capacitado, polas súas características, sexa David García pero calquera dos corredores como Veloso ou Vorganov, que están nun gran momento de forma, poden conseguilo. Podemos pelexar tódolos días por etapas, nese sentido levamos un conxunto de bastante bo nivel.

A carreira
P: A proba arranca no circuíto holandés de Assen. Un lugar un pouco atípico para os ciclistas?

R: É atípico, pero no ciclismo, como en tódolos deportes, hai que buscar as novidades. Lémbrome dunha edición da Volta que rematou no Santiago Bernabéu... Cousas como esta non desmerecen o resultado, ao contrario, gaña en espectáculo e creo que é unha gran escenario para comezar. O máis raro de todo é que estea en Holanda. As catro primeiras etapas son alí e todo isto débese a que no ciclismo tamén se moven moitos intereses pero o importante é que a Volta sexa atractiva para o público, que ao final é do que vive este deporte.

P: Que opinas do percorrido? Mellor para escaldores ou para rodadores?

R: Hai bastantes finais en alto, iso pode xogar a favor dos escaladores. Tamén hai dúas cronos llanas, ao contrario que o ano pasado que houbo unha cronoescalada. O percorrido pode ser máis ou menos duro pero está ben para quen estea ben. Se estás en forma podes disputar a clasificación xeral e vas ben en tódolos terreos. E cando non vas, da igual que o percorrido te beneficie.

P: A clave para a victoria final podería estar nas tres etapas de montaña consecutivas en Velefique, Serra Nevada e La Pandera?

R: A montaña andaluza está toda moi seguida e isto vai marcar moito a Volta. Eu creo que tanto estas etapas como as cronos van decidir. Calquera etapa pode ser perigosa e hai que estar atento sempre, pero creo que na montaña andaluza vanse decidir moitas cousas.

P: Valverde, Samuel Sánchez, Evans, os Schleck... A quen ves máis forte para loitar pola xeral?

R: Os irmáns Schleck a ver en que plan veñen, Evans seguro que quere quitar na Volta a espiña que ten cravada do Tour e Valverde é un home que ten aptitudes de sobra para gañar unha carreira de tres semanas pero por unhas cousas ou por outras vaille pasando o tempo e aínda non o conseguiu. Eu creo que vai ter unha motivación especial e vai ser un dos principais favoritos. Ao equipo tamén lle saíu un Tour bastante normaliño e quererán facer unha boa volta. Estes serán os que marquen a pauta pero hai que ter en conta tamén a Robert Gesink, que depois da súa caída no Tour seguramente irá a máis e o ano pasado xa fixo unha gran Volta. Despois sempre hai algún novo que sorprende, aínda que de tódolos xeitos, nos primeiros días xa veremos quen está para estar diante e quen vai quedar descartado.

Motivación, motivación, motivación
P: A lesión que che impediu estar no Giro, como inflúe en ti para a Volta a España?

R: Necesitaba coller un pouco de motivación porque se me estaba negando. A Volta a Burgos serviume para iso, cheguei alí xa coa idea de facer algo porque levaba parte da temporada parado. Cando un non aproba en xuño hai que facer as cousas en setembro e eu quería recuperar algo xa en agosto.

P: Como te sentiches trala victoria nas Lagunas de Neila (5ª etapa da Volta a Burgos)?

R: Saín con intención de facelo ben para coller algo de motivación e moral e para chegar á Volta a España coa tranquilidade de saber que as cousas van ben e de ter unha victoria e un bo resultado, que a verdade é que este ano necesitábao.

Apoio dos seguidores

P: Dende este ano existe a Peña Ezequiel Mosquera. Como te sintes co seu apoio?

A verdade é que dá gusto. Faime moita ilusión. Comezaron un pouco de cachondeo, pero fixeron unha cousa ben organizada que ten arredor de 100 socios e sénteste ben sabendo que sempre tes a alguén pendente de ti, que case están pedaleando contigo e é unha motivación extra.

P: Moita xente acode a animarte con bandeiras galegas coa estrela vermella. Cres que vencellarte a algunha opción política pode darche problemas?

R: Ser un corredor galego nun equipo galego implica que os seguidores galegos estean identificados co equipo. Eu penso que está por encima de ideales políticos. O ciclismo é un deporte con moito arraigo en Galicia e un equipo así demandábase dende hai tempo. A afección galega afortunadamente témola a pé de estrada en tódolos sitios. Dá igual que sexa preto ou lonxe de Galicia e iso témosllo que agradecer porque sempre nos sentimos arroupados.

P: Tamén cando pasa unha carreira polo País Vasco non é estraño ver moitas ikurriñas.

R: O ciclismo é un deporte de masas e non tes que pagar entrada para velo. Arrastra moita xente e eu teño comprobado isto. Nas etapas asturianas do ano pasado da Volta poñíaseche a pel de galiña. Había case máis galegos que vascos, algo pouco frecuente, e dá gusto ter aí a esa xente.

Comentarios