Domingo. 19.11.2017 |
El tiempo
Domingo. 19.11.2017
El tiempo

Expertos inciden no potencial do rural para xerar emprego e riqueza

Algúns dos asistentes ós relatorios deste sábado en Doiras
Algúns dos asistentes ós relatorios deste sábado en Doiras
Analizaron en Doiras opcións para aproveitar monte e patrimonio para dinamizar a montaña

Aproveitar castañas, cogomelos ou madeira, botar man das mellores terras de pasto para ampliar rabaños, sacar rendemento da riqueza paisaxística e patrimonial. Todo suma para dinamizar económica e socialmente un territorio castigado polo éxodo de poboación e a escaseza de servizos. Estes e outros aspectos foron analizados onte en Doiras (Cervantes), nun encontro co obxectivo de definir retos e oportunidades que presenta o monte para o desenvolvemento do medio rural.

A xornada foi organizada pola cooperativa A Carqueixa e a Anpa do CPI de Cervantes, que desenvolven sobre o terreo un arduo labor de xeración e impulso de iniciativas de desenvolvemento encamiñadas a mellorar o benestar da poboación da montaña.

Román Sánchez, xerente da cooperativa A Carqueixa, resumiu o espírito do encontro: "O reto é estar á altura do territorio, do potencial produtivo, paisaxístico e patrimonial". Nesa liña veñen traballando na Carqueixa e o xerente indicou que "hai razóns para o optimismo". Entre elas, que "o tamaño medio das explotacións se cuadriplicou, os incendios xa non son unha lacra, senón residuais, e o 2015 foi o ano con máis nacementos da última década".

Os socios da cooperativa tamén están volcados co proxecto Chesnut for Life, que impulsa a Deputación de Lugo para mellorar o aproveitamento dos soutos dos Ancares e O Courel. Este programa foi presentado polo seu redactor, Marcos Rubinos, quen explicou que a iniciativa pretende captar fondos da Unión Europea para revalorizar os soutos e aproveitar castañas, madeira e cogomelos, co obxectivo de xerar rendas complementarias para os propietarios dos castiñeiros.

Precisamente da propiedade do monte falou Ramón Rozadillas. A peculiaridade dos montes veciñais en mancomún, que pertencen a quen vive no territorio, é en opinión deste experto un aliciente para o asentamento de poboación. En canto á polémica que xera a restrición de plantación de eucalipto, indicou que "Galicia debe optar por la madera de calidad más que por el granel del eucalipto, que se va a pagar menos".

A xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez, explicou as posibilidades que ofrece o programa Leader para optar a axudas para iniciativas de desenvolvemento rural.

Eloi Villada botou en falta, precisamente, esta iniciativa. "A actitude das persoas é o primeiro porque hai recursos desaproveitados". Recoñece que "a montaña está próxima á desertización, pero considera que "hai suficiente xente como para darlle a volta á situación". Defendeu a compatibilidade das explotacións agrogandeiras e forestais, a necesidade de aproveitar os castiñeiros e a urxencia de "recuperar xente nova para esas actividades". Destacou tamén as posibilidades turísticas da montaña.

Nesta liña tamén se pronunciou Xabier Moure, quen avogou por conservar o patrimonio tanto polo seu valor histórico e cultural como polas posibilidades de dinamización económica que ofrece.

O encontro foi inaugurado polo alcalde de Cervantes, o socialista Benigno Gómez, e pola deputada provincial do PSOE Sonsoles López. Entre o público había caras coñecidas como o director de cine Óliver Laxe, asentado na aldea dos seus avós en Navia de Suarna, ou o voceiro de En Marea no Parlamento, Luís Villares.

Villares escoitou todas as ponencias con intención de "aprender e coller ideas para trasladar ao Parlamento as iniciativas que aquí se presentan". O voceiro de En Marea considera que "a montaña ten potencial para vivir dignamente e para xerar oportunidades de emprego", pero entende que o futuro do medio rural depende do asentamento de poboación.

Criticou, neste contexto, "a política de estrangulamento á que nos somete o Partido Popular co recorte de servizos básicos" e lembrou que En Marea vén de presentar no Parlamento dúas iniciativas para manter os rexistros da propiedade nas cabeceiras de comarca (entre eles os de Becerreá e A Fonsagrada) e os xulgados de paz, que prestan un servizo básico de proximidade.

Expertos inciden no potencial do rural para xerar emprego e riqueza