Exitoso escaparate para o mel de Muras

A primeira feira de exaltación deste produto, organizada polo Concello e celebrada no Viveiró, congregou a numeroso público
Sobre estas liñas, o cociñeiro Álvaro Villasante prepara a tapa de degustación da feira
photo_camera Sobre estas liñas, o cociñeiro Álvaro Villasante prepara a tapa de degustación da feira

O tempo non acompañou, pero aínda así foron centos os que non quixeron perderse a primeira Feira do Mel de Montaña, organizada onte polo Concello de Muras no Viveiró.

"É unha boa iniciativa, nunca houbo nada desto e é importante promocionar o noso mel", explica Ramón Pernas, un apicultor murense, que leva 30 anos coidando colmeas e que acudiu ao Viveiró co seu "mel de brezo, moi bo, que gusta e ten saída".

"A xente ven máis mirar, pero algo sempre se vai vendendo", apunta Lidia Trastoy, da Balsa, que desta nova iniciativa destaca que "está ben, porque nos reunimos e cambia un pouco o ambiente", aínda que iso si, aconsella facela "un pouco máis cedo" para o ano. De Ambosores procede o mel de flores Manuel Castelo: "Aínda pensei vender menos", comenta, ao tempo que destaca que estas xuntanzas serven "para darse a coñecer, aínda que non se venda, fanse contactos". 

Eles son algúns exemplos das 25 explotacións apícolas dadas de alta en Muras, un recurso "que pode ser un aporte xeitoso para a renda agraria", tal e como destaca Mario Rouco, tenente de alcalde de Muras, lembrando que a feira naceu "para promocionar unha produción de mel de calidade e para dinamizar o rural, por iso se fai no Viveiró". "Este é o primeiro ano e é un experimento, unha experiencia que nos servirá para organizar as vindeiras edicións", engade Rouco. 

E é que no Concello de Muras teñen claro o seu obxectivo "que a feira se consolide no tempo", segundo precisou o alcalde, Manuel Requeijo. "Muras é unha potencia produtora de mel, pero nunca se fixera nada para poñer en valor este sector" engade o rexedor, lembrando as moitas aplicacións que poden ter o mel, por exemplo a nivel culinario. 

Precisamente para destacar as súas posibilidades gastronómicas, organizouse un showcooking a cargo do cociñeiro Álvaro Villasante, do restaurante lugués Paprica, que, axudado por Román Cabrera, preparou en directo catro pratos: un sorbete de iogur e mel feito o momento en nitróxeno líquido, noces empalizadas con mel, ‘pañuelos’ de mel e escuma semiconxelada de mel. Tamén deseñou as 300 tapas de degustación que se serviron na feira, un polo campeiro escabechado en solla, mel e vinagre de Jerez cun chimichurri de mazá verde con mel. 

Cada tapa acompañouse dun agasallo de recordo da feira, na que aos apicultores se uniron postos da Casa do Mel de Goente, doutros produtos de calidade coma o queixo San Simón, ou demostracións de artesanía, a cargo da oleira Pepa Lombao e do torneiro Vicente Ledo. A animación musical correu a cargo dos vilalbeses Entre Lusco e Fusco e pola tarde tamén se celebrou un magosto para completar esta primeira feira.

Comentarios