viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

Éxito previsíbel

Hai xa uns meses que podemos gozar desta delicia en español grazas á editorial Taurus ► Alexander von Humboldt é probabelmente un dos homes máis famosos da historia dos que case ninguén escoita falar

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

HAI LIBROS cuxo éxito pode verse practicamente dende que os atopas nunha caixa listos para que o libreiro os coloque no andel correspondente. Ou dende que os atopas nunha web perdida de crítica literaria. Ás veces é unha cuestión intuitiva, porque o tema da obra non se presta a unhas supervendas. Pero ocorre. 

A min pasoume con La invención de la naturaleza. El nuevo mundo de Alexander von Humboldt. Non o atopei nunha web perdida senón en Kirkus Reviews e preguei porque o traducisen porque sabía que podía ter un bo encaixe no mundo hispanofalante a pesar de ser un libro de ciencia e de que o personaxe biografado non é precisamente o máis popular na Península (aínda que si en Suramérica). Os fragmentos que lin en inglés deixaban claro que Andrea Wulf estivera á xigantesca altura do seu protagonista e superara con moito os límites dunha vida para dar unha visión dun persoeiro, unha época e unha influencia cun ritmo narrativo envexábel. 

Hai xa uns meses que podemos gozar desta delicia en español grazas á editorial Taurus. Alexander von Humboldt é probabelmente un dos homes máis famosos da historia dos que case ninguén escoita falar. Deulle nome a unha corrente oceánica, a milleiros de lugares e accidentes xeográficos, foi o naturalista máis famoso do mundo, un pioneiro do montañismo (o primeiro occidental en ascender ao Chimborazo en Ecuador) e admirado por persoeiros de todo o mundo, dende Thomas Jefferson a Charles Darwin pasando por Thoreau, Lyell ou Goethe. Tamén en España e Galiza deixou a súa pegada. Colaborou con José Celestino Mutis, o botánico ao que lembrarán como aquel señor tan agradábel dos derradeiros billetes de 2.000 pesetas, e A Coruña foi punto de partida e parada das súas viaxes transoceánicas.

Da man de Andrea Wulf seguimos a súa vida, longuísima –oitenta e nove anos dacabalo entre os séculos XVIII e XIX— e azarosa. Home de familia rica na emerxente Prusia anterior á Revolución Francesa, nunca se interesou pola administración dos emperadores —ao revés que o seu irmán Wilhelm, que lle deu nome á universidade de Berlín—. Ao morrer a súa nai sentiuse liberado do xugo familiar e lanzouse a unha aventura insólita: o estudo da natureza en Suramérica. Descendeu o Orinoco, os volcáns de Colombia, Ecuador e Perú, as selvas e os cumios andinos nunha aventura de cinco anos que lle serviu para construír a primeira visión global da Natureza. 

Oprimido pola sociedade prusiana, preferiu vivir en París e que moitos o considerasen un traidor cando Napoleón arrasou o seu país de orixe. Na capital francesa podía desenvolver os seus traballos científicos e as súas relacións homosexuais, que Wulf trata con pouco disimulo (afortunadamente). E chegada á senectude aínda foi quen de facer unha viaxe ata o Altai, na fronteira rusochinesa, e confirmar as súas teorías sobre o Cosmos. Ese título levaría a súa obra máis senlleira. 

Os capítulos dedicados estritamente á trepidante vida de Humboldt non teñen menos interese cós que actúan de peche e que analizan o efecto do pensamento de Humboldt en tres dos seus discípulos. Charles Darwin construíu a teoría da evolución grazas a el; Henry David Thoreau foi a Walden desenvolver as súas teorías sobre o decrecemento pensando en Humboldt; e John Muir ergueu a Rede Nacional de Parques dos Estados Unidos á vista do legado ideolóxico humboldtiano. A fortuna quixo que Andrea Wulf rescatase o xenio deste home para nós na época do inmediato e da destrución do noso medio ambiente, dous dos grandes males que azoutan as sociedades do século XXI.

Éxito previsíbel
Comentarios