Excrecencias cinéfilas

NON PODO agora aportar referencias concretas, pero lembro que nun documental sobre a vida de Franco, realizado hai algún tempo por un productor estranxeiro, aparecia o daquela recén ascendido xeneral como protagonista dunha película. Mais a información non era correcta: tratábase dunha especie de mestura de comedia e drama, na que participaron destacadas figuras do momento que se interpretaban a si mesmas, entre elas Valle-Inclán, o toureiro Belmonte, Fernández Florez, Lerroux, Azorin, Romero de Torres, etc. Referimonos a ‘La mal casada’, un sorprendente proxecto de Francisco Gomez Hidalgo, personaxe que ben mereceria unha cinta a el dedicada: escritor, periodista, cineasta, político e polemista. Chegou mesmo a baterse en duelo. Morreu no exilio.

A inclinación cinéfila de Franco é algo sobradamente coñecido e estudado, até o ponto de que chegou a escreber o guión dunha película, ‘Raza’. Pero a sua participación como actor, ainda que de si propio, foi algo bastante agachado polo réxime, xa que poderia ser interpretado como unha frivolidade, aparte dun risco exótico ou extemporáneo para a sua biografía oficial, xa que o elenco era unha escolma dos círculos máis elitistas da época.

Co paso do tempo, aparte das películas que se lle proxectaban no pazo do Pardo, sábese que a televisión converteuse tamén nunha das suas afeccións, e sobre este aspecto cóntase en Ribadeo unha anécdota moi ilustradora, tanto dos gostos como do seu propio carácter. As visitas á vila, en Semana Santa, para dedicarse á pesca do salmón no rio Eo, supoñian o peche do Parador de Turismo, aparte dunhas medidas de seguridade absolutamente insólitas: a ida e volta ao rio significaba que a Guarda Civil cubria carreira ao longo do itinerario. Neses días, ocupaban escolas e o campamento de A Devesa para aloxar as forzas de seguridade, instalábase unha emisora no pazo municipal, enviábase unha dotación da Policia Armada e outras medidas e despregamentos, capaces de pasmar as mentes infantís e de criar algunhas dificuldades nalgunhas outras xuvenís. Pois ben, a historia, quizais apócrifa, ainda que a nós o relato chegounos a través de xente seria, conta que a Corporación Municipal solicitou e obtivo permiso para saudalo e cumprimentalo, fixándose a hora para despois do regreso das fazañas da pesca deportiva. No espazo sinalado, e en estado de revista, agardaban os munícipes. O Xefe do Estado entrou e, como un autómata, dirixiuse impertérrito a un salón para ver o correspondente capítulo da serie televisiva ‘Ironside’, pola que se pirraba, segundo contan. Rematado o capítulo, saudou por fin á representación municipal, a quen non lle estranou que aquel por quen devecian, establecese a orde das suas preferencias. Deberon pensar que estando de vacacións, ben poderia abandoar por unha hora os seus desvelos e cuitas como centinela de occidente, para introducirse na intriga policiaca da ficción televisiva. A propia pesca deportiva pode resultar moi fatigosa, ainda que se trate de salmóns e non de cetáceos.

Comentarios