Excitar os cromosomas

A PEGADA GALEGA na Arxentina é un dos ingredientes importantes de aquel país, como ten estudado, hai xa moitos anos, Alberto Vilanova Rodríguez, na sua monumental obra ‘Los gallegos en la Argentina’, editada en 1966 por Edicións Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, con prólogo de Claudio Sánchez Albornoz. O traballo fora o gañador do premio de historia do Concurso Extraodinario de 1957 convocado polo Centro Galego para comemorar o cincuentanario da sua fundación. Un verdadeiro estudo enciclopédico en dous tomos, que lembro adquirin na Librouro de Vigo, logo dun aviso do emblemático Antón Patiño, por medio de quen me fixen con moitas obras daquela proibidas ou inalcanzables. Cando había novidades a noticia chegaba sempre por cartas un tanto crípticas, como era lóxico dadas as circunstancias.

Mais ao que íamos: nesa magna obra tivemos as primeiras noticias do chamado Tercio de Gallegos, unha formación decisiva na defensa de Buenos Aires contra a invasión inglesa de comezos do século XIX. Hoxe a unidade é a guarda de honor da Escola Nacional de Náutica. Pois ben un dos seus comandantes, de visita en Galiza, foi entrevistado por un xornal, e realizou interesantes declaracións sobre diversos asuntos da sua especialidade como investigador da participacións dos galegos en contendas bélicas arxentinas. Pero de todas elas destaca unha en particular. Logo de aclarar que os seus avós eran de Friol, explica que nunca escoitara falar nen unha só palabra en galego, pero que nun determinado momento «foi como acercar o lume á polvora» e comezou a falar no noso idioma sen telo estudado nunca. Perante o inquérito do entrevistador sobre se é un caso de xeración espontánea, di que algo así pode ser e que debe existir un xene que se herda.

O certo é que no conxunto dos mais de trescentos artículos que levamos publicados nesta columna, foron numerosísimas as entregas dedicadas ao idioma e asuntos conexos, porque é algo radicalmente importante para o país. Na maioría o motivo tivo que ver coa problemática da sua supervivencia, tendo en conta os dados tan pouco afagadores que a actualidade nos achega periodicamente. Pero, na imensa variedade de problemas, casuísticas, decretos, medidas, galiñas azuis e mesmo ovos multicores de tres xemas, que sucesivamente agromaron nos ultimos anos, xamais reparamos en tamaña posibilidade.

Se na xeración espontánea ou no xene que transmite o agarimo cara o idioma propio ou o dos devanceiros, existe algunha posibilidade, quizais os responsábeis de política lingüística deberan dar unha virada nas suas políticas e facer unha pequena aproximación cara as ciencias que estudan a xenética e as posibilidades de excitación dos cromosomas alelados, que ao mellor non o son tanto. 

Comentarios