Excesos urbanísticos

Desgraciadamente en Galicia abundan os problemas urbanísticos. Nuns casos tiveron a súa orixe na concesión de permisos para unha construción dispersa e desordenada de vivendas en municipios que carecían de plans de ordenación. Noutros foron construcións que se deixaron ir facendo e consolidando ata que tiñan unha difícil marcha atrás, en bastantes ocasións ante a vista gorda da Administración municipal e o silencio da autonómica. Ambas foron as principais causas da anarquía urbanística que podemos observar en numerosos lugares das nosas costas e na periferia das principais zonas urbanas. O seu resultado é dobremente prexudicial desde o punto de vista público. Dunha parte polo sobre custo orixinado para a dotación dos servizos de auga, saneamento e electricidade a esas vivendas, así como polos problemas ocasionados para a realización de novas vías de comunicación. Doutra parte, pola deterioración orixinada na paisaxe e nos recursos naturais.

Ademais hai tamén algúns casos de desenvolvementos urbanísticos que se realizaron en varias das nosas cidades e que foron declarados ilegais por sentenzas xudiciais, co consecuente quebranto económico para os seus propietarios e municipios.

Dentro desta última categoría está o caso dunha urbanización en Miño que tiña como obxectivo construír unhas 1.500 vivendas e un campo de golf.

Unha sentenza recente do Tribunal Supremo, que confirma outra anterior de 2006 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ven de anular a concesión que no ano 2001 lle deu o Concello á inmobiliaria Fadesa. A sentenza declara nula a expropiación por falta de información pública e citación aos propietarios, que terán dereito a unha indemnización adicional ao non poder recuperar os seus terreos.

Este asunto tivo todos os compoñentes dun proceso escuro: a elaboración do proxecto cando Miño carecía aínda do Plan Xeral de Ordenación Municipal, a concesión a unha determinada empresa, a valoración dos terreos e o incumprimento dos trámites de información aos seus propietarios.

A urbanización está aínda sen acabar ao ser afectada pola suspensión de pagos de Martinsa Fadesa. Inicialmente a inmobiliaria pagara uns seis millóns de euros aos propietarios dos terreos. A sentenza de 2002 elevou esta cantidade nuns vinte millóns que abonou Martinsa-Fadesa e con esta nova sentenza haberá que pagar outros seis millóns máis os intereses correspondentes, que presumiblemente serán a cargo do Concello, que tería que buscar algunha solución alternativa para facerlle fronte. Ademais os problemas en Miño non acaban aí, pois hai outro proceso en marcha por outra macrourbanización para setecentas vivendas.

Deste xeito non estamos só ante un modelo de urbanización que polo seu crecemento excesivo ameaza con afectar os recursos naturais que, como a praia Grande e as marismas, son a súa base de apoio, senón que ademais pode xerar despois quebranto económico para a tesourería municipal para facer fronte a sentenzas xudiciais adversas.

Comentarios