Eurovisión 2016: música e política

O Festival que este sábado se celebra en Estocolmo vai pasar á historia polas controversias entre Acerbaixán e Armenia e de Rusia con Ucraína
A representante de Ucraína, durante a segunda seminifinal do Festival de Eurovisión
photo_camera A representante de Ucraína, durante a segunda seminifinal do Festival de Eurovisión

Acerbaixán versus Armenia e Rusia versus Ucraína. A edición deste ano do Festival de Eurovisión, que este sábado se celebra en Estocolmo, vai pasar á historia do certame polas controversias políticas entre estes países. Malia ser un festival musical, o certo e que foron estas polémicas (e non a calidade das cancións) as que acapararon realmente a atención dos medios acreditados na capital sueca para lle dar cobertura ao evento. Moito máis do que aos promotores do Festival de Eurovisión lles tivese gustado.

De feito, fálase de que Armenia vai ser sancionada na vindeira reunión do grupo de referencia da Unión Europea de Radiofusión (UER), o organismo executivo do certame, logo de que Iveta Muchukián, a representante deste país, ondeara nas semifinais do martes unha das bandeiras prohibidas en Eurovisión. A de Nagorno Karabaj. Trátase da enseña dunha rexión situada en territorio azerí, cuxa soberanía reclama Armenia e que orixinou unha guerra entre ambos os países hai algo máis de 20 anos.

Interrogada pola cuestión en rolda de prensa, Iveta, licenciada en Filoloxía e activista política, que emula en estilo e movementos á diva norteamericana Beyoncé durante a súa actuación, xustificouse sinalando que só quería transmitir a Europa unha mensaxe de paz. Pero o certo é que conseguiu chamar a atención dos medios occidentais sobre unha cuestión que estaba practicamente esquecida na vella Europa. Pola súa banda, a cantante de Acerbaixán -que en contra do que poida parecer a priori é moi amiga da representante armenia- evadiu a polémica destacando que Eurovisión ten que ver coa música.

España. Nun país que nunca cantou en Eurovisión en tres das catro linguas oficiais que recoñece a súa Constitución, non sentou nada ben para algúns sectores a escolla do inglés 


Por outra polémica estivo a piques de ser descalificada a canción de Ucraína. Ao principio, a UER -que prohíbe referencias políticas nos textos das cancións- cuestionou a letra do tema 1944, que este sábado interpretará con moita emotividade a representante deste país, Jamala. A balada relata o sufrimento dos tártaros de Crimea ao ser deportados masivamente a Asia Central no ano 1944. A recente escalada de tensión nesta zona, que se desputan Rusia e Ucraína, desaconsellaba admitir esta canción a concurso. Porén, a cantante xustificouse sinalando que era unha historia familiar, a vivencia da súa bisavoa, a que fundamentaba o tema e finalmente foi admitido.

E, no medio destas controversias políticas, a idiomática de España. Nun país que nunca cantou en Eurovisión en tres das catro linguas oficiais que recoñece a súa Constitución, non sentou nada ben para algúns sectores a escolla do inglés para o tema. Barei, a nosa representante, defendeuse das críticas da RAE destacando que a canción foi concibida orixinalmente na lingua de Shakespeare. Que é un tema up tempo de corte americano e que non tería sentido cantalo noutra lingua. O certo é que hoxe será a primeira vez que España cante en Eurovisión integramente en inglés, un feito que foi destacado por medios tran prestixiosos como o New York Times ou a BBC. Traeranos sorte a elección do idioma máis internacional do mundo? As apostas previas din que non e situánnos, de novo, por baixo do posto 20. Veremos que pasa.

Estas mesmas apostas colocan nas posicións máis altas da táboa tres dos países que se situaron no epicentro das polémicas ao longo desta semana: Rusia, Ucraína e Armenia. Con opcións sitúanse tamén Francia e Australia. Si. Por segundo ano consecutivo, os australianos participarán no Festival de Eurovisión en calidade de convidados como recoñecemento a auténtica paixón que este país sente polo festival. Nas Antípodas vívese Eurovisión con fervor e proba disto é que o número de eurofans australianos en Estocolmo non ten nada que envexar ao de países europeos, máis próximos a Suecia, como Alemaña, o Reino Unido e, mesmo, España. Os tres territorios de Europa que maior número de afeccionados desprazan á capital sueca.

Xa o saben. Se queren gozar da gran festa da canción europea (que este ano, ademais, vén cargada de polémicas extramusicais), non dubiden en conectar este sábado, a partir das 21.00 horas La 1 de TVE. Unha nova páxina da historia de Eurovisión está a piques de escribirse. Desfrútena!

Comentarios