Eurovegas: un maná de xurro

CANDO MÁIS avanza esa especie de tormenta en forma de corrupción de magnitudes descomunais, menos capacidade queda para observar como van os asuntos económicos xerais.

Hai un feito de importancia decisiva para o momento e para o futuro inmediato: o estabelecemento en Alcorcón (Madrid) de Eurovegas.

O grande logro exhibido por parte das autoridades madrileñas baséase nas cifras descomunais de presunto investimento, nos postos de traballo de nova creación e nas supostas actividades indirectas relacionadas co macrocomplexo de xogo e apostas convertido en miragre por obra e graza da maxia esperanzina. O colmo/umbral da nosa capacidade de asimilación, non dá engulido nesta ocasión esta enorme roda de muíño.

Un casino non é unha actividade económica: é unha antiactividade, é unha especie de enorme sumidoiro que canaliza recursos en forma de diñeiro que deberían ser adicados ao aforro, ao investimento produtivo ou a -vía impostos- redistribuír renda. Cando non hai nin un euro para financiar as actividades produtivas propias, aquelas que son imprescindíbeis para sobrevivir, e para lograr superar a crise, sae un vaqueiro e logra, para o seu casino, capital, financiamento e condicións de privilexio por parte do goberno: é un verdadeiro escándalo.

O mister Adelson pediu e conseguiu rebaixas de impostos: xa logrou que desde xaneiro deste ano se rebaixase a tributación dos casinos: un tipo único do 10% (antes podía chegar ao 45%).

Poderá conseguir do concello de Alcorcón unha exención do IBI.

Creouse a figura nova de ‘Centros Integrados de Desarrollo’ (CID) para dar natureza xurídica a unha forma urbanística á marxe da lexislación actual.

Permitirase o acceso ao casino e ao resto do complexo aos menores.

Chegarase a modificar a aplicación da lei antitabaco, quedando fóra da regulación legal Eurovegas.

Gozará de liberdade horaria total. Desexan abrir 24 horas.

A administración comprométese a crear infraestruturas necesarias para atender a afluencia de utilizadores do ocio con xogo e diversións relacionadas: consumo de todo tipo de aceleradores do divertimento a tope, persoas incluídas.

Mesmo se chegará a permitir condicións laborais singulares: contratación de extranxeiros, menor presencia sindical e rexime horario específico.

O magnate de Las Vegas Sands, Sheldon Adelson, igual que no pasado un vaqueiro en terra de conquista, consegue dunha pretensa negociación que se violen as leis do Estado español a favor da acollida e instalación do casino, hoteis e outros complexos de ocio. Cambiar as leis para favorecer un investimento estranxeiro supón crear un novo escenario de desigualdade no trato que recibimos os cidadáns e así mesmo significa retirar do fluxo de financiamento posíbel os fondos destinados a negocio e aproveitamento do amigo ianqui.

Comentarios